O Consell de l´Audiovisual de Catalunya (CAC) esixiulle a TV3 que lle pida disculpas "publicamente" ás persoas que se puidesen sentir ofendidas polas palabras do actor Pepe Rubianes na entrevista que lle fixeron no programa El Club. O pleno do CAC considera que as declaracións de Rubianes son "ofensivas para algúns segmentos da audiencia", según informa Vilaweb.
O CAC entende que o presentador de El Club, Albert Om, non lle plantexou a Rubianes as normas deontolóxicas pertinentes para impedir que se manifestase como o fixo durante a emisión.
O percorrido das palabras de Pepe Rubianes, que xa levan días sendo obxecto de polémica na rede e rebaixando -nalgúns medios estatais- a longa carreira artística do actor galego, parece non ter paradura. A entrevista do actor na TV3, o pasado 20 de xaneiro, segue dando que falar en Cataluña e no Estado español, e o Consell de l`Audiovisual de Catalunya tivo que saír ao turreiro para tratar de amolecer a presión mediática.
Rubianes matizou que, cando dicía "esa puta España", se refería "á España da caverna", e que as súas críticas "a Extremadura se referían ao presidente Ibarra, que dixo que Cataluña se podía meter o Estatut onde lle caiba, pero non ao pobo extremeño, que coma o meu tivo que padecer a desgraza da emigración".
O actor vilagarcián, que comezou a facer teatro con Dagoll Dagom a finais dos 70, fíxose acreedor do premio Gat Perich pola súa contribución ás artes escénicas. Está por ver se a entrega do galardón, que concede a prensa catalana, se ve afectada pola polémica. Personaxes da proxección pública de Julia Otero xa saíron na defensa do actor.