Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
GAÑA A SEGUNDA VOLTA DAS ELECCIÓNS PRESIDENCIAIS

A socialista Bachelet será a nova presidenta de Chile

"Teño unha axenda ambiciosa que emprenderei o mesmo día que entre na Moneda. Son tan só catro anos e non hai tempo que perder porque as chilenas e chilenos merecen o noso mellor esforzo. Están en xogo a risa dos nosos nenos, a tranquilidade das nosas nais e o benestar dos nosos traballadores". Así se pronunciaba a primeira muller da historia en acceder á presidencia de Chile, Michelle Bachelet, logo de imporse co 53.5% dos votos, mentres que o liberal Sebastián Piñera acadaba o 46.5%. A investidura da nova presidenta, que sucede o tamén socialista Ricardo Lagos, terá lugar o 11 de marzo en Santiago.

- 06:55 16/01/2006
Tags:

Foron 3,7 millóns de votos para a Concertación Democrática liderada por Bachelet fronte a 3,2 millóns recibidos pola candidatura coa que o multimillonario Sebastián Piñera ía á fronte de Renovación Nacional, que resolveron a elección cunha vantaxe de sete puntos a prol da candidata socialista. "Semellaba complicado, pero foi posíbel porque os cidadáns quixérono así e a democracia permitiuno: gracias pola confianza", declarou Bachelet nada máis confirmar a súa vitoria. "A miña vida non foi doada", lembrou a filla de Alberto Bachelet, quen fora membro do goberno Allende e asasinado pouco despois do golpe de Estado de 1973. A propia Michelle Bachelet, estudante de Medicina afiliada ás Xuventudes Socialistas daquela, fora enviada a un campo de concentración con súa nai e torturada, tendo que marchar despois ao exilio. "A violencia estragou o que amaba", recordou, "fun vítima do odio pero consagrei a miña vida a darlle a volta e convertilo en amor e tolerancia".

A herdanza de Lagos
O ascenso de Bachelet produciuse con Ricardo Lagos na presidencia, onde lle tocou asumir as carteiras de Saúde e de Defensa. Lagos deixará en marzo a presidencia cunha elevada popularidade avalada polas sondaxes. Os datos do crecemento económico de 2005 amosan unha suba de até o 6% nese indicador, e a taxa de desemprego queda no 7,5%, coa inflación moderadamente controlada. As gabanzas a Lagos inclúen tamén o éxito na reforma da Constitución que eliminou os últimos vestixios da ditadura, as transformacións a nivel do exército e o inicio do proceso para a lembranza e reparación dos danos ás vítimas do rexime do ditador Pinochet. "Son optimista, recibi un país en marcha", declarou Bachelet.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: