O líder do Exército Zapatista de Liberación Nacional (EZLN) comezou o domingo pasado A outra campaña, unha xira que o levará en moto por todo o país de México para captar adhesións para a causa dos indíxenas de cara ás eleccións presidenciais do vindeiro xullo. Para esta nova marcha o subcomandante Marcos faise chamar cun nome menos militar Delegado Zero, e viaxa en moto como fixera o Che por Latinoamérica nos anos 50. A marcha partiu o día de aninovo, coincidindo co aniversario da primeira rebelión zapatista, hai xa 12 anos, mais esta vez "sen kalashnikov" e sen declarar guerra ningunha, aínda que si co obxectivo de armar unha alternativa pacifista e de esquerdas para mudar o goberno mexicano.
Os zapatistas din que esta marcha de 2006 supón a terceira fase da súa revolución. Nunha declaración recente din que "Só é posíbel un paso adiante na loita se nos unimos con outros axentes da sociedade", como "xornaleiros, mestres, estudantes e todos os traballadores da cidade e do campo". Tampouco queren participar de maneira oficial no proceso electoral, que consideran corrupto e afastado da xente. Por iso, para o pobo mexicano e outras asociacións pacifistas "non está claro que tipo de movemento vai ser agora o EZLN".
O certo é que non faltan as voces que volven acusar a Marcos de argallar un "circo", e mesmo algúns especulan que o obxectivo persoal de Marcos podería ser empregar a marcha zapatista para abandonar a súa vida de agochamento, tal vez facéndolle caso á chiscadela que lle mandou o presidente Vicente Fox lanzando a idea de concederlle o perdón ao Subcomandante. Pode que un paso neste adeus ao anonimato sexa a creación dun blog para seguir a marcha, no que o Delegado Zero se dirixe á poboación e aos medios de comunicación de maneira bastante informal.