Once anos despois, a Vuelta a España regresará a Galiza. Na edición de 2006 unha das probas máis importantes do ciclismo profesional mundial atravesará a zona oriental das provincias de Lugo e Ourense, así como as zonas galegofalantes do Eo-Navia. Unha chegada (Lugo) e unha saída (A Fonsagrada) para os primeiros días de setembro serán as datas.
A Vuelta a España non é a proba máis importante do calendario ciclista mundial. E que o gañador de 2005, Roberto Heras, fose descualificado por dopaxe non contribuíu á súa difusión. Aínda así, é a terceira gran rolda en importancia, logo do Tour francés e do Giro italiano. Nela participan unha vintena de equipos profesionais, e nos primeiros días de setembro de 2006 regresará a Galiza, logo de non o facer dende 1995.
A 61ª edición da Vuelta, que non pasará polos Pirineos, chegará a Galiza nas vésperas das grandes tiradas da montaña cantábrica. A oitava tirada sairá de Ponferrada, seguirá o caudal do Sil por Valdeorras e atravesará as terras de Lemos para rematar en Lugo 173 kms. máis tarde. A novena será seguramente a raíña da Vuelta e a segunda máis longa, con 209 kms. Sairá da Fonsagrada e rematará no alto de La Cobertoria, en Asturias. Polo camiño, cruzará o porto fonsagradino do Acivro e os eonaviegos del Couño e El Rañadoiro.
A proba arrincará o 26 de agosto en Málaga, cunha contrarreloxio por equipos sobre un trazado de 7,2 quilómetros e rematará, como é habitual, en Madrid, o 17 de setembro. Non é un percorrido especialmente montañoso, pero inclúe cinco finais en alto. A Vuelta foi gañada por un galego unha única vez: Álvaro Pino conseguiuno en 1986.