Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
FÚTBOL, ROCK E BRAVÚ

O bravú naceu nos bares

O 31 de outubro de 1994, na taberna Caballero, a única existente na parroquia chantadina de Viana, reuníronse Rastreros, Eskornabois, Impresentábeis, o Caimán do Río Tea, Bochechiñas, Verghalludos, Yellow Pixoliñas e os Diplomáticos de Montealto.

- 09:32 12/12/2005
Tags:

Deron fe Manuel Rivas e Alberte Casal. Aquel foi o primeiro Manifesto Bravú, hoxe nos libros de historia. Os Diplomáticos de Montealto comezaron a xirar no 91; no 92, o seu primeiro disco, Arroutada pangalaica, soa ao vivo en toda Galiza.

"O término bravú sae arredor do 93. Despois de tocarmos en Euscadi ou Cataluña, comezouse a falar de agropop e outros epítetos cos que nós non nos sentiamos identificados. Pero un día, nun bar, ocorréusenos que tamén podiamos inventar nós a etiqueta. Daquela era moi típico decidir as cousas nos bares".

O ex acordeonista dos Diplomáticos, Rómulo Sanjurjo, sinala que o bravú serviu para mudar algúns conceptos. "Moito cambiou o conto", di, "hoxe vas facer unha entrevista onde sexa, e a ninguén se lle ocorre preguntar por que cantas en galego. É algo completamente superado".

Sanjurjo recoñece que agora mesmo non hai moita música popular en galego -se falamos da esfera que abrangue pop e rock-, "pero hai grupos coma os Homens ou, especialmente, Lamatumbá, que me gustan moitísimo. Tamén están os Túzaros...".

Sobre o alcance da idea do bravú, Sanjurjo di que aquela "foi unha resposta filosófica nosa, que vimos que compartían outros grupos. Todo Cristo se coñecía, e da reunión de Chantada saíu un manifesto... imposible de lembrar agora. O que contaba era defender a música do país, o cheiro das nosas cousas".

Unha das vantaxes do movemento, di Sanjurjo, era "a falta de pretensións, que sempre resulta ser unha garantía de éxito".

Rómulo traballa agora con Julián Hernández, co que comparte unha pequena produtora, Discos de Freno, e o dúo Transportes Hernández & Sanjurjo, que agora grava o seu segundo disco.

Arsenio

O fútbol galego, simbolizado inicialmente por Arsenio Iglesias, foi un dos puntos de unión dos bravús, sen necesidade de asembleas. E os siareiros coruñeses, desde Riazor Blues á Grei Xentalla, fixeron súa a iniciativa, contra a pequena crítica atávica que dirixía contra Arsenio, desde o palco de Riazor, un pequeno fato de notábeis. "Arsenio identificábase moito coa filosofía do bravú, un bo galego, un home sabio da terra... cómpre lembrar tamén que o rock estivo sempre moi vencellado ao fútbol".

"Coñecer a Arsenio... ese foi un punto de inflexión; a verdade é que foi un punto a nivel persoal. Logo fixemos un vídeo... Hoxendía non mantemos tantas relacións con Arsenio, pero si tivemos unha unión moi forte. Ese foi o momento de máxima unión entre o bravú e o fútbol. Para min, cando Arsenio marchou do Deportivo... como dixemos entón, xa só nos quedaba o fútbol".

Os Diplomáticos adicáronlle o seu primeiro disco a Arsenio Iglesias. O grupo que lideraba Xurxo Souto chegoulle a facer unha pequena festa-homenaxe nunha bodega coruñesa, no mesmo sitio que hoxe ocupa a sala Mardi Gras.


0/5 (0 votos)