A racionalización do crecemento residencial preto das costas, promovendo o asentamento en zonas máis afastadas, e a diminución do volume edificábel, son obxetivos fundamentais dun plan para impedir a destrucción ambiental do litoral galego, que será controlado ademais coa creación dunha Axencia de Protección da Legalidade Urbanística. Así o avanzou este xoves no Parlamento o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, logo da pregunta do voceiro do BNG, Carlos Aymerich, que lembrou o recente acoso a un concelleiro nacionalista en Nigrán despois das súas denuncias sobre presuntas especulacións urbanísticas nesa zona.
"O goberno galego traballa na erradicación das prácticas abusivas sobre o que é, e debe seguir sendo, patrimonio de todos os galegos e galegas, o respecto polo territorio e a súa explotación racional e sustentábel", explicou Emilio Pérez Touriño na súa comparecencia no Parlamento de Galiza. O presidente da Xunta destacou ademais que esa iniciativa ten que contar coa implicación activa de todas as formacións e moi especialmente a nivel municipal, dos gobernos locais, de cara a "conseguirmos un gran pacto polo territorio que permita facer de Galiza un escenario de desenvolvemento sustentábel, de calidade de vida e de competitividade". Ao tempo, avanzou tamén que se creará unha Axencia de Protección da Legalidade Urbanística que terá as funcións de paralizar os proxectos que se probe que contribúen á degradación do espazo costeiro e aplicará as medidas necesarias contra a especulación co litoral, inspeccionando e sancionando os abusos.
O anuncio chegaba logo da pregunta na Cámara que lle realizaba o deputado do BNG Carlos Aymerich, quen definiu coma "marbellización das costas galegas" a tendencia que segundo os nacionalistas se detecta nos últimos tempos en Galiza con "empresarios foráneos que mercan a prezo de saldo" milleiros de metros cadrados nas costas que logo son recualificados. O voceiro do Bloque expolicou que estes movementos tentan "impoñer en Galiza modelos urbanísticos e turísticos que xa foron desbotados noutros lugares" e advertiu que "resultan claramente negativos desde os puntos de vista ambiental, paisaxístico, social e económico".