Antón Reixa é o novo presidente do Clúster Audiovisual Galego logo de ser elixido nunha asamblea xeral deste organismo celebrada onte en Santiago de Compostela. Reixa, presidente do grupo empresarial Filmanova, substituirá a Julio Fernández (Filmax), que deixa a presidencia do clúster despois de tres anos, pero que permanecerá como membro da agrupación e, ademais, por decisión dos asistentes, será presidente de honra. O Clúster Audiovisual Galego está composto por 41 empresas do sector.
Antón Reixa, novo presidente do clúster, recibiu o apoio da agrupación empresarial para por en funcionamento un plan de traballo que consolide o vixente Plan Director. Dentro das directrices da nova política do clúster, o novo presidente proponse, por unha banda, impulsar o Club de Ideas, centro de desenvolvemento de formatos innovadores e novas áreas de negocio para lles ofrecer ás empresas asociadas. Outro dos obxectivos é incentivar o Club de Produción, lugar axeitado para acadar sinerxías empresarias, que ratifiquen a calidade da produción feita en Galiza.
O novo presidente conta co apoio na dirección dos que serán os seus tres vicepresidentes: Pancho Casal, de Continental Producciones; Santiago Cárdenas, de Softgal, e David Martínez, de Voz Audiovisual. Ademais, contará con Xosé Manuel Barreira, de Filmax, como coordinador do comité estratéxico, no que estarán representadas as empresas punteira do sector.