O xuíz da Audiencia Nacional, Santiago Pedraz, ordenou a busca e captura e detención internacional, a efectos de extradición, dos tres militares estadounidenses supostamente implicados na morte do cámara ferrolán Xosé Couso, que traballaba para Telecinco, e do xornalista da axencia Reuters Taras Protsyuk, o 8 de abril de 2003 no Hotel Palestina de Bagdad. No auto, o maxistrado argumenta que esta medida é "a única efectiva para asegurar a presenza dos imputados no proceso a disposición da autoridade xudicial española, á vista da nula cooperación" dos Estados Unidos, que non contestaron ás comisións rogatorias que lle foron cursadas. Os reclamados son o sarxento Thomas Gibson, o capitán Philip Wolford, responsábel da unidade de tanques que disparou contra o hotel, e o tenente coronel Philip De Camp, ao mando do rexemento ao que pertencían os carros de combate.
A avogada da familia Couso, Pilar Hermoso, felicitouse pola decisión do maxistrado, que cualificou de "histórica", aínda que lembrou que Estados Unidos non extraditan aos seus nacionais, polo que os militares non poderán ser detidos mentres non abandonen o seu país.
O xuíz imputoulle o pasado mes de xuño un delito contra a comunidade internacional tipificado no artigo 611.1 do código penal, que comete quen "con ocasión dun conflito armado realice ou ordene realizar ataques indiscriminados ou excesivos ou faga obxecto á poboación civil de ataques, represalias ou actos de ameazas de violencia cuxa finalidade sexa aterrorizala".
No auto notificado hoxe, Pedraz afirma que desde varios días antes da invasión de Iraq, que se produciu o 20 de marzo de 2003, "a maior parte da prensa internacional estaba aloxada no hotel Palestina, onde fora trasladada desde o hotel Rashid por indicación do Pentágono estadounidense".
O sarxento Thomas Gibson foi a persoa que disparou desde o carro de combate despois de advertir que alguén os observaba con prismáticos desde o hotel Palestina de Bagdad. Un mes despois do ataque e nunhas declaracións emitidas por Telecinco, o propio Gibson afirmou: "Non disparei inmediatamente sobre el. Chamei aos meus xefes e lles dixen que o vira. Dez minutos despois dixéronme que disparara sobre el e iso fixen".
O seu inmediato superior, o capitán Wolford, foi que autorizou o ataque, mentres que a persoa que ordenou disparar contra o hotel foi o tenente coronel De Camp, segundo recoñeceu el mesmo nun ha entrevista publicada en "Los Angeles Times" o 11 de abril de 2003.