Cárcere, detencións arbitrarias, despedimentos, obstáculos a traballadores que tratan de afiliarse, sancións por participar en folgas... O último informe da Confederación Internacional de Sindicatos fai repaso da represión antisindical no mundo durante o ano 2004, denunciando que houbo 16 mortes máis ca o ano anterior e documentando máis de 700 agresións violentas e medio milleiro de sindicalistas ameazados de morte.
O continente americano é a zona do planeta onde se producen maior número de asasinatos de sindicalistas. Aló está o país onde é máis perigoso desenvolver actividade sindical: Colombia, que suma un cento de asasinatos e centos de ameazas de morte, ademais dunha continua presión do executivo para debilitar o movemento sindical. Entre as denuncias concretas están a do acontecido en Filipinas cando se botou man dunha excavadora e de furgóns con blindaxe para rachar un piquete de folga e que provocou a morte de catorce persoas.
Malia que subliñan que a situación é outra no contorno europeo, advirten que Europa non escapa malia todo ao problema da interferencia dos gobernos sobre os dereitos sindicais, con continuos intentos para debilitar ao sindicalismo independente en países coma Ucrania ou Xeorxia, intimidacións e intentos de asasinato. Ao tempo avisan tamén dos problemas en moitos países da Unión Europea, onde se producen acosos e despidos para bloquear as afiliacións ou mesmo se chega a prohibirlles a actividade sindical aos traballadores.
"O informe deste ano descobre até onde están dispostos a chegar moitos gobernos e empresarios para conseguiren tomar a dianteira nuns mercados globais onde a competencia é a cada paso máis feroz", dixo Guy Ryder, secretario xeral da Confederación, "a globalización debera tomar unha vía completamente diferente á actual e quitar das marxes para poñelas no espazo central as preocupacións sociais e a fin da explotación".