O pleno do europarlamento rexeitou o plan presentado por Francia, Irlanda, Suecia e Reino Unido que obrigaba os operadores de telecomunicacións a conservar os datos das conversas telefónicas, dos sms e dos correos electrónicos para poñelos a disposición dos responsábeis da loita contra o terrorismo. O parlamento europeo considera que a conservación destes datos é unha ameaza para a vida privada dos cidadáns e non é proporcional á dimensión do risco que se quere evitar. Con todo, a opinión da eurocámara neste asunto non é vinculante. Amais, os eurodeputados terán que debater nos próximos días unha proposta na mesma liña, pero desta volta presentada pola Comisión Europea.