Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
CRÉASE UNHA GRAN COMUNIDADE DE NEGOCIO NA REDE

EBay merca a compañía telefónica Skype por 2.600 millóns de dólares

A empresa que lidera a compra e venda de produtos a través da rede polo sistema de poxas, EBay, chegou a un acordo para mercar a compañía de telefonía por internet Skype por 2.600 millóns de dólares; 1.300 en efectivo e 1.300 en accións. O presidente de Ebay, Meg Whitman, asegurou que esta operación permitirá a creación "dunha forte comunidade de negocios na rede".

- 15:20 12/09/2005
Tags:

Skype conseguiu un volume de negocio de 7 millóns de dólares en 2004, pero a compañía prevé que o volume de ingresos se multiplique até os 60 millóns de dóleres en 2005 e até os 200 millóns de dólares en 2006.

Nos últimos anos, Skype revolucionou a telefonía por internet. Por medio dun programa que se baixa de balde, Skype permite facer chamadas desde un computador de xeito gratuíto a outros usuarios do programa e a móbiles e teléfonos fixos a prezos moito máis baixos que os das compañías telefónicas convencionais.

Na actualidade conta con 54 millóns de usuarios en 225 países e é líder de mercado naqueles países nos que a súa presenza está consolidada. Ademais, a empresa estima que cada día 150.000 persoas descargan o programa gratuíto de telefonía por internet.

As grandes compañías de internet, Google, Microsoft, AOL e Yahoo tamén se interesaron pola telefonía a través da rede. Nos últimos tempos, Google lanzou o servizo Talk e Microsoft adquiriu a empresa Teleo, unha das máis potentes do mercado.


0/5 (0 votos)