Xa é oficial e tén nome propio: Lei 10/2005 de 14 de xuño. O BOE publica hoxe a controvertida lei da TDT que introduce a posibilidade de ampliar en seis meses o prazo para resolver os concursos de adxudicación de novas canles locais. A entrada en vigor deste conxunto de modificacións de normas anteriores deixa á Xunta sen argumentos para non adiar a concesión de novas licenzas e reabre o debate sobre se un goberno en funcións debe tomar unha decisión tan trascendente. De feito, o BNG, o PSdeG e mailo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia denunciaron hai escasas semanas que a concesión de licenzas en pleno proceso electoral era unha manobra máis de "blindaxe mediática" do PP.
A historia vén de vello e tivo dúas frontes políticas ben definidas. A primeira delas estivo en Madrid, onde a lei fixo alomenos catro viaxes desde o Congreso ata o Senado e do Senado ata o Congreso antes da súa aprobación. O PSOE tiña présa por aprobala e o PP -con maioría no Senado- fíxoo recuar votando en contra da urxencia e logo introducindo emendas a debate co apoio doutros grupos minoritarios que, finalmente, se sumaron ás teses do Goberno. Unha lei que se prevía aprobar en pouco máis de 20 días, ao final tardou case seis meses en pasar tódolos trámites.
Namentras, aquí en Galiza, as cousas levaban o seu propio ritmo. Mentres que non se aprobase a nova lei da TDT que se debatía en Madrid, a Xunta seguía con dilixencia a lei vella -en vigor ata hoxe mesmo- e convocaba os concursos para a concesión de licenzas case ao mesmo tempo en que se anunciaban eleccións.
Daquela houbo protestas dos grupos da oposición e dos xornalistas colexiados que demandaban apartar o proceso de concurso do período electoral para que fose o goberno entrante tralo 19-X o que tomase a decisión de a quen se lle daban os novos programas de TDT.
A Xunta argumentou coa lei na man que o prazo para resolver os concursos remataba o 4 de agosto e que non facelo antes desa data suporía unha grave deixadez das súas funcións.
Hai dúas semanas a lei de impulso da TDT aprobouse no Congreso e con ela a ampliación ao 31 de decembro do prazo máximo para convocar e resolver os concursos. A Consellaría de Cultura indicou que continuaría coa data do 4 de agosto como horizonte mentres que a nova lei non fose "oficial".
Agora xa o é. Porén, a Xunta aínda non desvelou se se van paralizar e adiar os concursos ou se, pola contra, seguirá o calendario inicial.
Hai que ter en conta que a nova data do 31 de decembro é un tope que ningunha comunidade autónoma debe superar á hora de conceder novas licenzas de TDT local, pero isto non significa que non poidan adiantalo todo o que queiran. De feito, en Galiza o proceso podería seguir o seu curso actual e, en consecuencia, o goberno funcións podería dár as novas licenzas antes da constitución do Parlamento.
A falla de confirmación oficial dalgún cambio, todo indica a que a Xunta tirará para adiante.