Ante as eleccións ao Parlamento galego, o colectivo que se nomea Espazo Galego dos Països Cataláns achegan aos medios un manifesto no que se posicionan ante a importancia que estes comicios teñen para o futuro do noso país. De momento, este colectivo aspira sinxelamente a transmitir ás cidadanías galega e catalá as inquedanzas dun sector da colonia galega que até agora non tiña discurso público. O manifesto por unhas Eleccións Limpas en Galiza recolle, en seis puntos, as preocupacións máis inmediatas que xera este ambiente de incerteza polo resultado das eleccións e pola posibilidade, fornecida polos inquéritos publicados polos medios, de que Manuel Fraga perda a maioría absoluta na cámara galega de representantes.
No manifesto reflíctese a preocupación pola limpeza dos comicios porque no pasado se teñen constatado irregularidades como o voto por parte de persoas falecidas, o carrexo de votantes e a presión da organización caciquil de moitas zonas do rural galego. Tamén salientan a presión que sofren os medios de comunicación a través da chantaxe económica, situación que non favorece a liberdade dos profesionais da información.
Outro punto quente que deciden denunciar é a "corrupción do sistema electoral" que só admite a participación cidadá cada catro anos así como o destino de fortes inversións públicas para premiar a fidelidade política e non para "cubrir as necesidades colectivas". Neste marco, aseguran que a condición de emigrantes que os define vén dada polas condicións socioeconómicas do país e denuncian "a falta de transparencia no que atinxe aos orzamentos da Xunta en materia de emigración" polo que esixen "solucións ao problema e explicación das súas causas" e sinalan "a necesidade de transformacións políticas, económicas e sociais como único camiño para que vivir no propio país sexa un dereito de facto".