Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
TENDENDO PONTES COA GALIZA DA DIÁSPORA

Presentada a XXI edición do Festival Ortigueira

Este mércores presentouse en Compostela o XXI Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira. Nesta nova edición de 2005 a organización aposta por tender pontes con outras culturas e potenciar a presenza de grupos relacionados coa emigración galega. O Festival, de carácter gratuíto, desenvolverase na vila de Ortigueira os días 7, 8, 9 e 10 de xullo. Entre o programa, Luar na Lubre, Ialma, Bagad Kemper, Radio Tarifa, Mercan Dede ou Os Diplomáticos. Outra das incógnitas desveladas, o deseño de Xavier Mariscal para o cartel promocional deste ano. O piñeiral de Morouzos, o solpor e o mar son os seus protagonistas.

- 12:43 01/06/2005
Tags:

A sede da Fundación Caixa Galicia en Santiago de Compostela acolleu este mércores a presentación do XXI Festival de Ortigueira. No acto o alcalde da Vila, Antonio Campo, e o director xeral de Caixa Galicia, José Luis Méndez, asinaron un convenio de colaboración destinado a financiar o evento.

Tras eles, chegou a quenda da creatividade, musical e plástica. Segundo o director artístico do Festival Ortigueira, Francisco Rivera, o certame renderalle este ano unha especial homenaxe á Galiza exterior, aos "emigrantes que saíron fóra da terra e seguiron mantendo os vencellos co país". Nesta liña desenvolveranse concertos como o de Luar na Lubre -que presentará algúns temas sobre o seu novo traballo sobre a emigración- ou Ialma, grupo galego-belga ao que pertence a eurovisiva Verónica Codesal.

Co obxectivo de explorar o panorama das músicas de raíz chega, como convidada a cultura mediterránea. Esta nova vertente estará representada por diferentes estilos musicais, como os de Mercan Dede, I Muvrini ou Terrafolk. Os artistas galegos teñen un ano máis un espazo reservado na programación do Festival. Xunto a Luar na Lubre e Ialma estarán a Escola de Gaitas de Ortigueira -fundadora do certame- e Os Diplomáticos. Estes últimos ofrecerán o 10 de xullo un concerto de despedida, que dará por concluída a súa traxectoria musical.

A danza, os grupos noveis -Escenario Runas- e as actividades paralelas -obradoiros, proxección de documentais, feira de artesanía, exposicións...- completan o programa de 2005.

O cartel anunciador do certame, asinado este ano polo Estudio Mariscal, foi outra das incógnitas desveladas. Segundo Xavier Mariscal, quen dixo "sentirse emocionado" de que o elixisen para confecionalo, o deseño representa o espírito de reunión que do evento a través do piñeiral de Morouzos.


0/5 (0 votos)