O propio goberno brasileiro vén de facer públicas as cifras sobre o nivel de deforestación na selva do Amazonas, que en 2004 foi un 6% maior á producida un ano antes, chegando aos 26.130 km2 arrasados, a peor dende que se avalía a situación. Lembrámoslles que o goberno Lula anunciara un ambicioso proxecto para frear a destrucción da Amazonía. Os ecoloxistas insisten en que é necesario facer máis.
As empresas do sector siderúrxico do Estado de Pará son, segundo o Instituto Brasileiro de Medio Ambiente, as principais responsábeis da deforestación ilegal. A institución responsabiliza a estas empresas da tala de 120 mil árbores ao día para abastecérense de carbón vexetal para os seus procesos industriais e anuncia que estenderá as súas tarefas de inspección no sector. Ao tempo, o goberno defende a política de creación de reservas ambientais e o incremento dos controis vía satélite.
Lembrámoslles que os científicos teñen subliñado nos últimos anos dos estudos recentes segundo os cales a importancia desta reserva é aínda maior do que se pensaba para o clima do planeta, advertindo que as políticas do anterior goberno Cardoso levarían á destrucción de case a metade do que queda de selva amazónica en menos de vinte anos. Nas bautizadas "décadas da devastación", entre os anos 70 e os 80, destruíuse unha media anual de 21.130 km2.
Á vista destes novos datos, os ecoloxistas insisten en que é necesario poñer no primeiro plano a loita contra os lumes e as talas que devastan a selva. Greenpeace propuxo a adopción dunha estratexia de "deforestación cero", un programa que, como o de "fame cero", abra o camiño para a resolución do problema a longo prazo.