Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Cartafol

Xestionado por Héitor Mera
RSS de Cartafol
Ovidio: Metamorfoses

A Biblia da mitoloxía clásica

Metamorfoses
Ovidio
ed. e trad. de José Antonio Dobarro Posada
Galaxia, Vigo, 2004. 2 vols., 426 + 758 páxs., 48 €


Publio Ovidio Nasón (43 a.C.-17 d.C.), nacido nunha familia acomodada na que non se estimaba moito a poesía, desempeñou cargos públicos, pero acabou rexeitando a política para dedicarse plenamente á literatura, na que verteu a súa vasta cultura e acadou un inmenso éxito. A súa vida estivo condicionada pola súa condena ao desterro, no ano 8 a.C., en que tivo que abandonar para sempre a familia, as súas amizades e o éxito que xa coñecía como poeta.

- 17:12 03/04/2005
Tags:

A obra máis famosa e de maior trascendencia de Ovidio foi as Metamorphoseon libri (Metamorfoses). Trátase dunha epopeia escrita en hexámetros dactílicos en quince libros, que se inicia coa creación do mundo a partir do caos e remata coa deificación de César, na que seguindo unha orde cronolóxica se relatan todos os mitos gregos que terminan cunha transformación, e engádense algúns mitos romanos análogos, ata chegar aos 250. Estas "metamorfoses" inclúen deuses que se transforman en humanos, en animais (Xúpiter, para seducir a Europa transfigúrase en touro, non en "vaca", como se di na edición que nos ocupa), homes que se transforman en animais, en astros (Hércules na constelación do mesmo nome), en pedras, seres irracionais ou obxectos inertes que se converten en humanos (os homes que modela Prometeo con barro), etc.

Ovidio acode a fontes gregas e romanas anteriores, pero ofrece a orixinalidade de crear un marco cronolóxico no que se distinguen as idades dos deuses, dos heroes e dos grandes personaxes históricos. No seu longo poema consegue crear unha narración apaixonante que alterna pasaxes dramáticas, idílicas, tráxicas, patéticas e cómicas, e enlaza unha lenda con otra con gran pericia.

A obra, que como xa dixemos comeza coa primeira gran metamorfose, que foi a creación do universo, e conclúe coa morte e a transformación en deus de Xulio César, ofrécenos historias que mostran a relación entre os mortais e os deuses, as consecuencias da obediencia ou a desobediencia, e a súa posterior recompensa ou castigo nunha transformación final. Nas Metamorfoses os temas presentes na poesía anterior de Ovidio –o amor e o erotismo– abórdanse con maior profundidade, nun intento de explorar as diversas emocións humanas, e a capacidade narrativa e descritiva do autor brilla con especial forza, ata o punto de que o libro se converteu xa nun auténtico manual de mitoloxía grega.

A versión galega das Metamorfoses, que se nos presenta nun volume dobre (o número 24 da colección Clásicos en Galego) é o froito dun labor monumental emprendido por José Antonio Dobarro Posada, quen xa asinara hai uns anos, xunto con Dolores Gómez Quintas, a versión galega do Satiricón. O primeiro volume contén un estudo introdutorio e sobre todo, un dicionario dos nomes que aparecen na obra, o que na práctica significa un valioso dicionario de mitoloxía de 250 páxinas. O segundo volume, de más de 750 páxinas, comprende os XV libros das Metamorfoses, que se presenta en edición bilingüe con notas ao pé.

O traballo é realmente extraordinario pola súa envergadura, e máis tendo en conta que se debe a unha soa persoa. Ademais, o galego que se nos ofrece na tradución é enxebre e está manexado con solvencia, e os versos traducidos manteñen certa musicalidade, a pesar de non teren métrica nin rima definida.

Quizais chame a atención o feito de que na introdución se dediquen máis de 160 páxinas a falar de Ovidio, e non máis que 4 liñas contadas a falar do texto e da edición, sen a menor referencia aos criterios tradutolóxicos empregados ou as incidencias solventadas, pero esta obxección non deixa de ser unha pinga no medio dun océano de excelencia.

mércao en Andel


0/5 (0 votos)