O xigante da internet que mellores números de negocio veu marcando nos peores momentos da burbulla tecnolóxica avanza no fornecemento de servizos de balde para os seus máis de 160 millóns de usuarios en todo o mundo co proxecto bautizado Yahoo 360. Trátase dunha iniciativa en certo modo parecida ao coñecido Orkut, de Google, para a interconexión de usuarios con intereses comúns. A ferramenta mestura a posibilidade de editar unha bitácora, coa mensaxería instantánea e outras posibilidades. Na web poden reservar xa a súa conta, mentres agardamos pola primeira versión da aplicación, prevista para finais de abril.