Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PULO Á TDT

O Consello de Ministros aprobará mañá o seu plan de impulso da Televisión Dixital Terrestre

A implantación da TDT no estado español está levando máis tempo que nalgúns países do resto de Europa. De feito, case o 30% dos fogares británicos e o 42% dos finlandeses poden beneficiarse xa desta nova tecnoloxía. Namentres aquí "son só uns miles os que dispoñen de TDT tras seis anos de soporte legal" segundo recoñece o propio Goberno nun dos seus informes. Superar este retraso e unificar o marco normativo da Televisión Dixital Terrestre son os dous principais obxectivos que persegue o plan que mañá aprobará o Consello de Ministros. Un plan que introduce importantes cambios no caso das futuras emisoras locais de titulariedade pública.

- 16:58 16/02/2005
Tags:

Os eixos de actuación do plan céntranse en cinco aspectos principais. O primeiro é o da intención de modificar mediante Real Decreto o Plano Técnico nacional da Televisión Dixital para adaptalo á necesidade de apurar o proceso de implantación desta nova tecnoloxía.

O segundo é o de asignar as frecuencias que deixou libres a desaparecida Quiero TV de tal maneira que se chegue a unha oferta de alomenos 14 programas (emisoras) de cobertura estatal. Neste senso o goberno tamén marca o outono deste mesmo ano como data aproximada de inicio das emisións destas novas canles.

No caso das locais as emisións irán chegando ás casas desde o próximo mes de agosto ata o 1 de xaneiro de 2008. As cadeas de ámbito autonómico xa se están adaptando á nova tecnoloxía desde primeiros de ano. En calquera caso todas as emisións deberán ser en dixital o día un de xaneiro do 2010.

Todas estas medidas irán acompañadas dun programa que garanta o cambio tecnolóxico tamén nos fogares. Así, prevese fomentar a merca de receptores, o cambio das antenas e promover con campañas publicitarias un mellor coñecemento das vantaxes da nova televisión.

Os contidos do Anteproxecto de Lei de Medidas Urxentes para o Impulso da TDT que mañá será aprobado polo Consello de Ministros tamén modifican significativamente a lei de televisión local. Até o momento só podía haber unha televisión de titulariedade pública por cada demarcación dixital. Porén, cos cambios propostos, a decisión de cantas haberá quedará nas mans das Comunidades Autónomas que deberán garantir cando menos unha canle pública por demarcación.

Outro cambio importante é o dos prazos para solicitar as concesións. Ata o momento os concellos tiñan tres meses para solicita-la xestión dun programa e había outros cinco meses de prazo para que as Comunidades Autónomas convocasen e resolvesen os concursos. Coa modificación ámbolos prazos xúntanse nun só de oito meses para planificar mellor cantos programas públicos pode haber por demarcación.

Malia que noutras comunidades como Madrid ou Cataluña xa se iniciou o proceso de concesión de licenzas, en Galiza aínda se está á espera de que a Xunta aprobe os criterios polos que se rexerán os concursos. Estes criterios, que se recollerán en dous decretos (un para TDT autonómica e outro para TDT local), poderían ter que axeitarse o paquete de medidas que mañá aprobará o Consello de Ministros.


0/5 (0 votos)