Os salarios en Galiza deberían subir entre o 5,5 e o 6% para compensar a perda progresiva do poder adquisitivo dos traballadores. Un estudo (en .doc) realizado polo catedrático de economía aplicada da USC, Xabier Vence, demostra que o cálculo oficial do IPC non ten en conta unha serie de parámetros (como a compra da vivenda) que inflúen significativamente no resultado final. De feito, Vence asegura que "a caída dos salarios en termos absolutos foi superior ao incremento do IPC, presentando, por primeira vez en moitos anos, valores negativos". A CIG, que encargou o estudo, anunciou que aplicará unha taxa de corrección do IPC oficial nas próximas negociación dos convenios colectivos deste ano. No escáner de Vieiros Por que os soldos cada vez chegan a menos poden topar tamén máis información sobre o asunto.
Esta mañá presentábase en rolda de prensa o estudo elaborado polo catedrático de Economía Aplicada, Xavier Vence, "IPC, Negociación Colectiva e perda de poder adquisitivo dos salarios", encargado pola Confederación Intersindical Galega, para coñecer as causas reais que provocan que os asalariados galegos teñan a percepción dunha maior carestía da vida, que non se corresponde co aumento do IPC.
Para Xavier Vence, as causas estarían en que o IPC parte dun concepto de consumo diferente ao da Enquisa Continua de Presupostos Familiares, que non ten en conta os custos que supón, por exemplo, a adquisición de vivenda; sintetiza variacións en 484 produtos, sen valorar a importancia do seu consumo en función da renda familiar; non valora as estruturas de consumo en función do territorio e prima as zonas urbanas fronte as rurais.
Neste sentido, cabe sinalar que en Galiza ten un peso particularmente alto o consumo do grupo de alimentación, que é aquel no que as diferencias entre os fogares de renda baixa e os de alta son maiores e no que o aumento dos prezos nestes últimos anos estivo moi por enriba da media (12,6% frente a 10,7%).
Parece ser esa maior importancia relativa da alimentación e o elevado aumento dos seus prezos o que explica que o IPC xeral de Galiza sexa tres décimas superior á media española (10,7 frente 10,4 entre 2001 e maio do 2004). Algo semellante ocorre noutros consumos (vestido, transporte, etc) que teñen un peso superior en Galiza e que tamén experimentaron subidas dos prezos superiores á media.
En conclusión, a falta de desglose da estrutura de consumo por tramos de renda para Galiza, cabe decir que as diferencias máis relevantes son as que se producen en función do nivel de renda dos fogares. Nese sentido, cabe pensar que o maior peso do sector alimentación e bebidas no caso galego é debido á existencia dun nivel salarial medio considerabelmente inferior á media española (ao redor de 15 puntos). Por iso, a proporción de asalariados galegos penalizados pola utilización do IPC como criterio de negociación salarial é superior á media española e, desde logo, superior á de outras comunidades autónomas.
Negociación colectiva
Atendendo aos resultados deste estudo, a CIG tratará de introducir elementos correctores na negociación colectiva deste ano. Así o afirmaba na súa intervención o Secretario Confederal de Negociación Colectiva, Antolín Alcántara, quen sinalaba que estes mesmos índices correctores deberían ser aplicados tamén ao Salario Mínimo -que non chega ao 60% do salario medio, tal e como recomenda o Consello Social Europea-, ao cálculo dos subsidios e ás pensións.
Segundo Alcántara, o IPC real debe calcularse sobre o salario medio. "Hai 320.000 asalariados galegos que ingresan menos de 12.000 euros ao ano. Polo tanto estarían no grupo de renda máis baixo, así que hai que establecer un cálculo específico para cada convenio, adecuando o IPC a esa franxa de consumo e de renda". O Secretario Confederal de Negociación Colectiva, advertiu ademais de que "a contención salarial está causando estragos nas economías familiares".
Neste sentido, Xavier Vence adiantou un posíbel modo de cálculo apuntando que "tendo en conta a evolución dos prezos e imputando o custo da vivenda, o IPC debería estar nun 5,5 ou nun 6%".
A partir destes datos a CIG elaborará unha proposta alternativa para ter en conta na negociación colectiva e transmitirá estes datos, xunto coa súa proposta ao resto das organizacións sindicais e á patronal.
DATOS MÁIS RELEVANTES DO ESTUDO
Custos da vivenda
Segundo a Enquisa de Condicións de Vida das Familias o 15% dos fogares galegos están facendo frente aos pagos de hipoteca e como media adican un 16,3% dos seus ingreso a eses pagos. Un 20% dos que pagan hipoteca está adicando máis do 30% dos seus ingresos.
A semiexclusión do gasto en vivenda para o 90% das familias galegas conduce a unha infravaloración do gasto medio en vivenda e ten consecuencias sociais moi graves, entre outras cousas porque afecta de forma particularmente intensa ás familias coas rendas máis baixas:
a) Segundo a ECPF de 2002, os fogares con ingresos inferiores a 500 euros dedicaban o 45,5% dos seus gastos; os comprendidos entre 500 e 1000 euros, dedicaban o 36%, os que estaban por riba de 1000 dedicaban entre o 28,6% e o 32,1%.
b) O aumento do prezo da vivenda foi desde 1996 dun 124% en sete anos e un 58% nos últimos tres anos, segundo o ministerio de Fomento.
c) A repercusión do aumento do custo da vivenda é moi importante para as familias de baixos ingresos. O peso relativo do gasto en vivenda aumentou como media en máis de dous puntos percentuais desde 1997 a 2002, pasando dun 29,4% a un 31,7%. No caso dos fogares estas porcentaxes aumentaron máis, pasando dun 41,7% a 45,5%, nos de menos ingresos e no seguinte grupo de 33,5% a 36,8%. Nos tramos intermedios de renda pasou dun 26-27% a un 29-30%. Nos máis altos pasaron dun 28-29 a un 31-32%.
Consumo segundo a renda
As familias con menos ingresos gastan proporcionalmente máis en "alimentos e bebidas non alcólicas" e "bebidas alcólicas e tabaco" (entre ambas representan ao redor dun 25% do consumo total), mentres que os que teñen máis ingresos gastan proporcionalmente moito menos (só un 12%). Os que dispoñen de menos ingresos consumen proporcionalmente menos que os que teñen máis ingresos en conceptos como "mobiliario e equipamento do fogar", "saúde", "transporte privado", "ocio e espectáculos", "educación", "hoteis, cafés e restaurantes...".
Os aumentos máis espectaculares dos prezos no período 2001-2004 (maio), danse nalgúns produtos de alimentación, aluguer de vivenda e transporte, que teñen grande importancia na "cesta" do con das familias modestas. Fronte a un aumento medio de 10,4% do IPC no conxunto de españa destacan os fortísimos aumentos de "pan" (20,3%), "carne de vacún" (14,9%), "aceites e graxas" (39,0%), "ovos" (24,1%), "froita fresca" (29,7%), "legumes e hortalizas" (30,0%), "patacas e preparados" (39,6%), "prendas de vestir muller" (19,1%), "calzado muller" (21,3%), "prendas vestir nenos" (21,7%), "calzado neno" (16,7%), "calzado home" (15,1%), "vivendas en aluguer" (12,8%), "transporte público urbán" (16,4%), "transporte público interurbán" (14,8%), "servizos para o fogar" (15,0%), "turismo e hostelería" (13,3%), "educación primaria (11,1%), secundaria (12%) e universitaria (14,6%)"
Diferencias territoriais
Tomando como base a ponderación feita no IPC de 2004, en Galiza o peso medio do grupo de "alimentación e bebidas" (24,3%) é moi superior á media española (20,2%) e a enorme distancia das comunidades máis ricas como Madrid (17,3%), Navarra (17,3%), País Vasco (16,6%) ou Cataluña (19,4%). O peso relativo é moi superior en Galiza especialmente nos seguintes productos: carne de vacún, peixes, mariscos, aceites, froitas, bebidas alcólicas.
Tamén é superior o peso do grupo "vestido e calzado" (13% frente a 9,7%), o de "menaxe" (7% frente a 6,4%) ou o de "transporte" (15% frente a 14,4%).
En cambio, teñen un peso relativo inferior en Galiza os grupos de "vivenda"-aluguer- (9,3% frente a 10,7%), o de "hoteis, restaurantes e cafés" (10% frente a 11,2%) ou o de "ocio e cultura" (6% frente a 6,7%).
Desigualdades nos ingresos
Hai outra razón pola que a utilización continuada do IPC como criterio para a negociación dos aumentos salariais ten un efecto desigualador e discriminatorio dentro da clase traballadora: o aumento proporcional de salarios desiguais amplifica o abano desas desigualdades, desde o lado do ingreso. As desigualdades aumentan na mesma proporción que a porcentaxe aplicada ao aumento das magnitudes.
Se a dous salarios diferentes os aumentamos nunha mesma proporción (p.e., un 5%) iso tradúcese nun aumento da distancia que os separa nesa mesma proporción (nese caso, a fenda aumentaría nun 5%). Iso repetido ao longo dos anos vai ensanchando a fenda que separa aos salarios altos dos salarios baixos.
As desigualdades salariais e sociais acentuanse por esa vía tan "inocente". É un fenómeno puramente matemático pero con fondas repercusións sociais.