Diversos colectivos agrupados na Plataforma de Resposta contra as Agresións a Mulleres pediron onte en Santiago medidas "concretas e non declaracións de intencións" para rematar coas agresións a mulleres.
Os diversos colectivos que integran a Plataforma de Resposta contra as Agresións a Mulleres pediron onte á mañá, co gallo da celebración do Día Internacional da Muller Traballadora, que se leven a cabo medidas "concretas, e non só declaración de intencións" para rematar coa violencia de xénero.
A Plataforma solicitou ademais a creación dunha lexislación "explícita abondo", segundo manifestou a representante de Plataforma, Estrela Ferreño, "que non permita que non se considere ensañamento que un home lle dea 70 puñaladas á súa esposa, como xa ten acontecido".
Unha vintena de mulleres manifestáronse esta mañá diante dos Xulgados de Fontiñas en Santiago para denunciar a "pasividade" dos poderes públicos diante desta situación e esixir medidas "eficaces"
para erradicar dende a súa orixe estas formas de violencia.
Integran a Plataforma, entre outros colectivos, CC.OO., BNG, CIG, Esquerda de Galicia, Mulheres Nacionalistas Galegas, Feministas Independentes, Galiza Nova e Alecrín.
Máis información sobre este tema no especial de Vieiros Día da Muller Traballadora.