As protestas populares acadaran un nivel nunca visto cara novembro de 1989 na vella República Democrática Alemana. Malia iso, a posibilidade da caída do muro de Berlín non se agardaba a curto prazo cando o 9 de novembro de 1989 o mundo asistía á fin ao derrube da última cancela da "guerra fría". Quince anos despois, as sondaxes amosan o descontento dos cidadáns ás dúas beiras polos problemas da reunificación e a fenda económica e social aínda existente entre leste e oeste do país.
Foran case trinta anos de división entre as dúas Alemañas ao longo de 1.400 quilómetros de fronteira e 155 km. de muro separando Berlín Occidental de Berlín Oriental que impedían a saída da poboación reprimida baixo o antigo rexime comunista. Case mil millóns de marcos gastados na súa construcción e controlada 24 horas ao día por soldados armados, foron milleiros os mortos e detidos en intentos de fuga. Pouco despois da súa caída, un 3 de outubro de 1990, facíase oficialmente a reunificación da RFA e a RDA nunha soa Alemaña.
A crise económica e os niveis de desemprego moi por riba da media, condicionan a situación actual nunha cidade que voltou converterse en capital de Alemaña e que a miudo é citada polo seu cosmopolitismo e riqueza cultural e por ser referencia da unión das "dúas alemañas". A fenda económica aparece coma o problema máis importante, e as estatísticas falan da preocupación dos cidadáns do oeste polos esforzos económicos para á unión e do descontento dos cidadáns do leste polas promesas incumpridas no proceso. Os expertos agoiran que serán precisas alomenos dúas xeracións para superar diferencias.