"Fraga é indiscutíbel. Mais de aí para abaixo ou consenso ou democracia". Baltar resumiu desta maneira a súa postura na tirapuxa que mantén coa dirección do Partido Popular: "ou nos xuntamos todos e nos poñemos de acordo e hai consenso ou hai democracia e o que gañe, gaña, e o que non que demostre a súa condición de demócrata". Ou sexa, ou consigo o que quero, ou marcho e a Fraga non lle queda máis remedio que adiantar as eleccións. A pesar de que mantén a ameaza, Baltar mostrouse onte máis conciliador: "O presidente sabe que estou á súa disposición cando queira. Díxenlle que me chamase e nunha hora estaría en Santiago". Amais volveu reiterar que, pase o que pase, "a lealdade institucional ao presidente Fraga está garantida".