A Asociación de Escritores en Lingua Galega, AELG, organiza este sábado, 18 de setembro, un acto de estudio e recoñecemento á figura de Avelino Pousa Antelo. A homenaxe é a primeira que, baixo o lema "Os bos e xenerosos", a AELG quere realizar todos os anos para "a figura dun escritor ou colectivo que, gracias a unha prolongada actividade de intervención social, contribuíse, de xeito significativo, a unha maior difusión pública da cultura galega; esta homenaxe pretende recoñocer, por tanto, non só unha traxectoria literaria, senon tamén un compromiso ético coa cultura de Galicia". Os actos terán lugar no Museo do Pobo Galego.
Nesta 1ª edición, que se celebrará o próximo sábado 18 de septiembro, preténdese destacar a exemplar traxectoria intelectual de Avelino Pousa Antelo, histórico integrante do Partido Galeguista, actual presidente da Fundación "Castelao" e autor dunha interesante obra ensaística de carácter histórico, económico e social.
Se nalgún aspecto destaca Avelino Pousa Antelo é, sen dúbida, no seu traballo como divulgador da cultura galega; dende a súa posición como cooperativista, pasando pola súa indentificación co Estatuto de Autonomía de Galicia e coas Mocidades Galeguistas até a súa labor como mestre.
Como motivo central da homenaxe celebrarase, a partir das 12.00 hs., unha mesa redonda no espacio simbólico do Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, na cal intervirán os seguintes ponentes:
-D. Valentín Arias (mestre; como artífice dunha biografía sobre Avelino Pousa Antelo, ofrecerá unha semblanza da traxectoria vital do autor)
-D. Xosé Manuel Beiras Torrado (político e ensaista; disertará sobre o tema do cooperativismo agrario galego na obra de Avelino Pousa Antelo).
-D. Xosé Fortes Bouzán (mestre; tratará o tema do galeguismo cultural na obra de Avelino Pousa Antelo).
-D.Amancio Liñares Giraut (mestre, autor do libro Conversas con Avelino Pousa Antelo. Memorias dun galego inconformista; centrará a súa disertación no desenvolvemento do ensaio científico de temática agrícola na obra do homenaxeado).
A continuación da mesa redonda, o escritor David Otero realizará unha "laudatio" de Avelino Pousa Antelo, coa posterior resposta do escritor.
Seguidamente, a Asociación de Escritores en Lingua Galega faralle entrega dunha placa conmemorativa do acto, que concluirá con unha comida de carácter institucional.