O nadador vigués acode a estes Xogos Parlímpicos cun dos mellores palamarés que poden esperarse. Foi cinco veces medalla de ouro nos Xogos de Sidney, é campión do Mundo en 50m, 100m e 200m libres, 4x50m libres e 4x5m estilos e campión de Europa en 50m e 100m libres e 4x50m libres e estilos.
Con que espectativas se achega a Atenas alguén que xa conseguiu nuns Xogos cinco medallas de ouro?
As miñas espectativas son boas pero, evidentemente, non podo prometer nada. Nos últimos catro anos avanzamos moito, tanto deportiva coma fisicamente, pero iso mesmo aconteceulle aos demais países. Aínda que sei que vou a Atenas nunhas condicións óptimas a competición vai ser dura porque competín moito a nivel internacional e puiden ver que os meus contrintantes tamén chegan cun nivel moi alto.
Algúns membros do equipo olímpico galego queixábanse de que as axudas para os deportistas eran insuficientes e, entre outras cousas, impedíanlles ter unha preparación olímpica xa que cada ano debía loitar por situarse entre os oito primeiros para conservar as bolsas ADO. Cal é a situación na que vos atopades os deportistas paralímpicos?
Ben, o noso sistema é aínda peor. As bolsas que recibimos os deportistas con discapacidades son irrisorias. A contía máxima é de 9.000 euros e no meu caso, a pesar de que teño un dos mellores palmarés do panorama estatal, desta vez foi só de 3.000 euros. Isto é algo que a Xunta terá que mirar porque eu non podo ser profesional a pesar de que adestro seis horas cada día. Do que vivo, aínda que pode resultar incrible, non é da natación, sigo dependendo da venda do cupón da ONCE. Logo, cando nos achegamos a unha competición internacional, como esta que vai comezar, si que se nos pide rendemento pero ninguén parece estar disposto a achegar o apoio económico e técnico preciso para que ese rendemento sexa o agardado.
Estase a facer algo para que os Xogos Paralímpicos teñan, senón a mesma repercusión que os Xogos Olímpicos, si cando menos unha repercusión importante?
Algo si que se mellorou, pero o mínimo. Este ano a competición vaise ver na canle Teledeporte e nas emisoras públicas españolas parece ser que nos van a dar un espazo de 20 minutos na segunda canle e un minuto no informativo de Televisión Española. Non é nada pero en comparación con Sidney 2000 si teño que dicir que se mellora. Daquela o equipo, enorme, que TVE enviara para cubrir as Olimpíadas volveu de Australia ao completo, nas Paralimpíadas non quedeu nin un só técnico e todo dependeu de que a ONCE contratara pola súa conta a un xornalista.
Pódese entender que o deporte é a mellor forma de superarse para unha persoa que padeza algún tipo de discapacidade ou non existen diferenzas entre un deportista paralímpico e un deportista olímpico?
Cando falamos de deporte de alto nivel non podemos pensar en exercicio de rehabilitación. É unha práctica que che rompe, non che rehabilita. Se eu me achego a un médico que non me coñece a miña analítica ou o meu ritmo cardíaco deixaríano abraiado porque as miñas condicións físicas son as dun deportista de alta competición, independentemente de que nade empregando só os brazos. Estou ao nivel de calquera deportista olímpico e o deporte para min non é unha rehabilitación, cando quero un tratamento rehabilitador vou coma todo o mundo a que me dean unha masaxe.