As autoridades rusas confirmaron que se produciron polo menos 200 mortos, a maior parte nenos, como consecuencia do asalto á escola de Beslán, en Osetia do Norte. 79 vítimas xa foron identificadas. Hai, ademais, uns 650 feridos hospitalizados, dos que a metade serían nenos. Segundo o Cremlin todos os terroristas, unha vintena, xa estarían mortos ou detidos e entre eles habería dez árabes e un negro. O goberno ruso foi acusado de impedir o acceso da prensa opositora, e incluso fálase do envelenamento da xornalista Anna Politkovskaia.
As cifras son aínda moi confusas. As autoridades rusas falan de 1.200 secuestrados, dos que "máis de 150" puideron morrer. De momento, identificáronse xa 60 cadáveres, hai contabilizados uns 650 feridos, e todos os terroristas foron abatidos polo exército ruso, agás probablemente un, que aínda resista dentro da escola, quizais con algún refén.
As causas do asalto ao edificio son tamén confusas: as fontes oficiais sinalan que se produciu unha fuxida espontánea dunha trintena de reféns, e que o exército tentou cubrilos de forma que se iniciaron os combates e as mortes masivas. Outras fontes, en troques, falan dun asalto planificado, realizado no momento en que os secuestradores, logo dun pacto co exército, sacaban para fóra a ducia de cadáveres que se produciran durante a toma da escola.
Durante os combates producíronse polo menos tres explosións, ademais de tiroteos cruzados e indiscriminados. Tampouco está claro o número de asaltantes. As fontes oficiais falan dunha vintena, entre os cales habería polo menos dez de orixe árabe e un negro, e o resto caucásicos (chechéns, osetos, inguxetos...). Sen embargo, outras fontes sinalaron que poderían ser entre 35 e 40 persoas.