Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
LINGUA E UNIVERSIDADE

A UNED acepta por primeira vez traballos académicos en galego

A Universidade Nacional de Educación a Distancia, UNED, acolleu por primeira vez a lectura dunha tese de doutoramento e unha memoria de licenciatura en galego na súa sede central de Madrid. É a primeira vez que esta universidade acepta que un acto académico destas características se desenvolva nunha das linguas do estado diferente do castelán.

- 13:01 09/07/2004
Tags:

O primeiro acto académico en galego que se celebrou na UNED tivo lugar o pasado 6 de xullo en Madrid coa lectura da memoria de licenciatura de Heitor Mera Herbello, totalmente redactada e defendida en galego, sobre o teatro de Bernardino Graña. Presidiu o tribunal e coordinou todo o acto o profesor titular da UNED Carlos Roura e, entre o público asitiron os deputados do BNG no Congreso Olaia Fernández e Francisco Rodríguez. Este último presentara varias interpelacións parlamentarias para que a UNED aceptase desenvolver a súa actividade en todas as linguas do estado. Ademais estivo presente o profesor de galego da UNED, Manuel Rodríguez Alonso, un dos promotores da introdución nela das linguas cooficiais do estado.

Tamén o xoves día 8 se produciu totalmente en galego, por primeira vez na historia desta universidade e nunha lingua non castelá, a defensa da tese de María Ogando "A actividade editorial en Galiza entre 1808 e 1916", en tribunal presidido polo catedrático D. Xosé María Dobarro Paz.

Así, o galego gaña a súa presenza nunha institución que ata o de agora non aceptou a presentación de tesiñas e teses en ningunha lingua que non fose o castelán, malia ser unha institución de ámbito estatal.


0/5 (0 votos)