Esta é unha das conclusións do seminario organizado pola Área de Economía do Seminario de Estudos Galegos e celebrado en Santiago de Compostela. A xornada estivo centrada no estudo da desigual incidencia da evolución dos prezos, do IVE e do custo da vivenda sobre a evolución da capacidade de consumo das familias en función do seu nivel de renda.
Presentáronse catro ponencias que abordaron con detalle estes diferentes aspectos. Xavier Vence, Catedrático de economía aplicada da USC, coordenador da xornada, presentou o estudo realizado sobre "IPC, negociación colectiva e deterioro da capacidade adquisitiva dos salarios", poñendo en evidencia que os prezos están aumentando a maior ritmo naqueles productos que teñen unha maior importancia relativa na cesta da compra dos fogares de ingresos modestos, en particular en alimentos, bebidas, roupa e calzado. Mostrou a consecuencia penalizadora de utilizar o IPC xeral para actualizar as pensións e para a negociación salarial, que se traduce na práctica nunha reducción continuada do poder adquisitivo desas rendas baixas. Tamén criticou a configuración actual do IPC por non tomar en consideración a evolución dos prezos da adquisición de vivenda, que está experimentando desde 1996 até hoxe incrementos seis veces superiores ao IPC. Defendeu a necesidade de redefinir o IPC e de introducir criterios complementarios na negociación colectiva.
Alfredo Serrano, profesor de economía da Universitat Autónoma de Barcelona, presentou a sua ponencia sobre "O IVE: impacto redistributivo e desigualdades", onde mostrou que a estrutura de tipos impositivos que se aplican aos diferentes productos teñen unha incidencia negativa sobre as desigualdades e penalizan particularmente o consumo dos segmentos máis pobres da poboación. Defendeu unha modificación da estructura do IVE, incorporando un tipo 0 para alimentos básicos e medicamentos, inspirandose no modelo de Canadá, que tería un efecto moi positivo sobre redistribución da renda.
O arquitecto-urbanista Josep Roca (Director do Centre de Política de Sol i Valoracions e catedrático da U. Politécnica de Barcelona) presentou o seu informe sobre "Os prezos da vivenda: factores explicativos e tendencias previsibeis", poñendo de relevo que os aumentos dos prezos da vivenda nos últimos anos debense sobre todo á presión da demanda da poboación xoven do "baby boom", a menor rendabilidade de investimentos diferentes ao da vivenda e, sobre todo, a ausencia dunha oferta pública de vivenda en condicións minimamente xenerosas. De cara ao futuro considera que os prezos da vivenda poden moderarse porque diminúa a presión a demanda e porque a capacidade adquisitva de boa parte dos futuros demandantes –fundamentalmente inmigrantes- vai ser reducida. Defendeu, ademáis, a necesidade de políticas de vivendas públicas en aluguer seguindo políticas homologables ás implementadas noutros paises europeos, poñendo como exemplo Holanda, onde o 40% do mercado de aluguer está constituido por vivendas públicas con alugueres subvencionados.
Anxela Troitiño, Xulia Guntín e Carmela Sánchez, Profesoras de estatística e econometría USC, presentaron un ponencia sobre "As desigualdades de renda e de salarios: tendencias recentes", na que mostraron a crecente distancia entre os salarios medios galegos e os da Unión Europea entre 1994 e 2001.
Esta actividade da Área de Economía do Seminario de Estudos Galegos, coordenada por Xavier Vence, e inscríbese no Ciclo de Actividades sobre "A Nova Culura Económica: o servidume neoliberal", que se van celebrar ao longo do presente ano.