O Cineclube Compostela propón un repaso á cinematografía do director sueco Ingmar Bergman coa proxección de nove filmes realizados entre os anos 40 e 60 do século pasado. As fitas escollidas nesta ocasión serán Música na escuridade (1948), Prisión (1949), Xogos de verán (1950), Un verán con Monika (1953), Sorrisos dunha noite de verán (1955), O sétimo selo (1957), O manancial da doncela (1960), Persona (1966) e O rito (1960, realizada para televisión). O ciclo desenvolverase entre o 3 e o 9 de maio en tres sesións diarias na Sala Yago.
O carácter único da filmografía de Ingmar Bergman dentro do cinema mundial é asegurado por moitos factores A súa reputación esta marcada por unha prolífica produción que contén corenta títulos entre 1946 e 1982 (aínda que ha estrear un novo filme nestas datas), o estilo profundamente persoal dos seus filmes desde a década dos cincuenta (malia a que xa en filmes anteriores se podía intuir esta marca), unha técnica innovadora combinada cunha gran simplicidade, mesmo ao usar tratamentos oníricos (como en Amorodos salvaxes ou en Persona) e unha extraordinaria capacidade para traballar cos seus intérpretes habituais.
Entre os seus títulos que adoitan ser considerados entre as máis grandes obras da historia do cinema, atópanse algunhas como Un verán con Monika, O sétimo selo, O manancial da doncela ou Persona, que serán proxectados ao longo desta semana polo Cineclube de Compostela.
O prezo das entradas será de 2,5 euros por sesión para os estudantes universitarios e os parados, mentres que para o resto será de 3,5 euros. Os socios do Cineclube de Compostela poderán acceder de balde, como a todas as proxeccións.