"Nunca se observou unha manifestación tan grave de racismo en todas as súas dimensións". Esta é unha das afirmacións que recolle o Informe anual 2004 sobre o racismo no estado español elaborado pola ONG SOS Racismo, que se presentou hoxe, e no que se denuncia a "alarmante vulneración dos dereitos e libertades en España durante o ano 2003".
SOS Racismo denuncia que ata 2003 aplicábanse as leis de xeito discriminatorio, pero que en 2003 "aprobáronse directamente normas discriminatorias e aumentou o discurso político do mesmo signo". Segundo o informe, "o endurecemento da normativa específica para os cidadáns de orixe estranxeiro consolida un marco xurídico elaborado a partir de argumentos xenófobos e crea novos espacios de apartheid xurídico que negan a igualdade das persoas perante a lei".
Esta normativa considérase a orixe de que a cifra de estranxeiros en situación irregular acade o millón de persoas.
A coordinadora do informe, Isabel Martínez Luna, sinalou que os cambios da lexislación provocaron que os inmigrantes entrasen de forma irregular no país e que se puñeran en mans de mafias, xerando "un colectivo de man de obra barata, submisa e sen dereitos". Neste senso, SOS Racismo alerta da situación de desprotección na que están moitos menores estranxeiros.
O Informe anual 2004 sobre o racismo no estado español tamén salienta o "caos e falta de medios das oficinas de estranxeiría e a situación alarmante das zonas fronteirizas, onde o Goberno delega a súa función de control nas compañías de transporte, que deben actuar como policías de aduanas".
SOS Racismo reclama a suspensión das ordes de expulsión e que se regularice a calquera persoa que demostre que está traballando, sen que teña que volver ao seu país para obter o visado. Tamén solicitan a revogación da posibilidade de acceso policial aos datos do padrón e da potestade de control das compañías de transporte nas fronteiras.
INMIGRACIÓN, DELINCUENCIA E TERRORISMO
A ONG acusa aos políticos de ter feito un uso electoralista da inmigración, vinculándoa coa delincuencia e culpando aos inmigrantes dos problemas sociais.
No Informe anual 2004 sobre o racismo no estado español, SOS Racismo advirte que, despois dos atentados de Madrid, cómpre actuar coa máxima responsabilidade fronte ás actitudes racistas e xenófobas que se están a producir.
"Hai que frear esas reaccións dende a sociedade civil, os poderes públicos e os medios de comunicación", manifestou o portavoz da organización, Diego Lorente, que tamén expresou a necesidade de "romper o binomio que vincula inmigración e terrorismo internacional"
Sobre este punto, SOS Racismo insta aos medios de comunicación para que deixen de utilizar a expresión terrorismo islámico e a cambien pola de terrorismo fundamentalista ou terrorismo sen máis.