O Concello de Ponteareas ven de aprobar recentemente as bases que rexerán unha nova edición do Premio de Investigación Fermín Bouza Brey, convocado en lembranza e homenaxe deste esgrevio intelectual ponteareán, nado na vila do Tea o 30 de marzo de 1901.
Nesta nova edición e tras valorar os resultados de participación acadados nas anteriores edicións, o Concello de Ponteareas decidiu introducir unha novidade fundamental: non se premiará un traballo de investigación xa elaborado senón unha proposta de investigación, que será financiada có importe do premio. Inténtase promover a existencia de traballos de investigación científica que teñan como referencia a Ponteareas e á Comarca do Condado en áreas como a historia, arte, arqueoloxía, etnografía, literatura ou ciencias sociais.
O prazo de presentación das propostas de investigación chega ata o día 27 de Decembro de 2003 e débense presentar no Museo Municipal de Ponteareas (Rúa Perillana, 9-11). Os proxectos de investigación deben presentarse xunto cunha memoria onde figuren: obxectivos, metodoloxía, periodización, recursos a empregar, temporalización do traballo, etc. O premio está dotado con 2.000 euros, entregándose un 25% do importe unha vez concedido o premio e o 75% restante unha vez entregado o traballo de investigación. Aquí podes consultar as bases na súa totalidade.
Para calquera información verbo do premio os interesados poden dirixirse ao Museo Municipal de Ponteareas, rúa Perillana, 9-11 36860 Ponteareas, ou no teléfono 986.660765 ou poden mandar un correo ao Museo
A convocatoria deste certamen de investigación é entendida dende o Concello de Ponteareas como unha útil ferramenta para afondar no coñecemento de Ponteareas e as súas xentes.