As autoridades taiwanesas e continentais liaronse nas últimas semanas nunha guerra de palabras que ameaza con estragar a recuperación do diálogo entre as dúas beiras do estreito de Taiwán.
No pasado outubro reuniranse, despois de varios anos de silencio, as paraoficiais Asociacións de Taiwán e a China que viabilizan o diálogo entre os dous países, formalmente aínda en guerra. O principal resultado daquela reunión foi a non interferencia continental nos comicios lexislativos e municipais que se celebraron en decembro en Formosa.
Nesa ocasión, en vez de manobras militares, Beijing impulsou o envio dunha delegación civil á illa, moi ampla, para tomar contacto directo coa realidade política da "provincia rebelde". Semellaba que corrían novos tempos e a sensatez animaba ás dúas partes.
Para Beijing, Taiwán pode ser "casus belli". Despois de Hong Kong, e próximamente Macao, Taiwán será a terceira e gran escala do proceso unificador da China do século XXI. Pero a unificación pola forza resultaría unha traxedia. Beijing non pode tratar de igual xeito a Hong Kong ou Macao que a Taiwán (ten un Exército, ten unha diplomacia, é máis Estado que moitos Estados que forman parte da ONU). Requirese de todos imaxinación e atrevemento.