A gala dos premios Max celebrada en Vigo non defraudou a quen agardaba un acto combativo ao estilo da entrega dos Goya. Os participantes lanzaron durante toda a noite críticas contra a censura, a guerra de Iraq e a xestión do Prestige. O gran triunfador desta edición foi o catalán Josep María Flotats, que marchou para a casa con tres galardóns ao mellor espectáculo, ao mellor director de escena e á mellor adaptación teatral por 'París 1940'. A concesión a José Prieto do premio ao mellor autor de teatro en galego foi unha das sorpresas da noite, dada a veteranía dos outros dous nominados, Eduardo Aloso e Cándido Pazó. Tamén houbo lugar no evento para agradecer a solidariedade dos voluntarios, da man da actuación do gaiteiro Carlos Núñez. Pola súa parte, a presentadora coruñesa María Pujalte aparecía vestida de negro, cunha banda azul, evocando a bandeira da plataforma galega. A gala rematou co público coreando 'Nunca Máis'. Na web da Cadena Ser poden ler unha crónica máis completa.
.