Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

A FEG denuncia a indefensión da costa galega

O accidente sufrido polo petroleiro "Prestige" demostra unha vez máis a constante ameaza á que está sometida a costa Galega polo intenso tráfico de buques con mercadorías perigosas, como o petróleo. A xuízo da Federación Ecoloxista Galega (FEG), que agrupa a 25 asociacións de defensa ambiental galegas, cómpre aumentar o control sobre este tráfico e adiantar a aplicación das Directivas europeas "Erika I" e "Erika II".

- 16:09 15/11/2002
Tags:

O poder económico das petroleiras e de empresas armadoras está primando sobre os intereses dos sectores pesqueiros e marisqueiros e sobre a riqueza ambiental: as presións de grandes empresas impediron a rápida posta en marcha de normas para mellorar a seguridade no mar que impedirían a navegación de barcos inseguros como o Prestige.

Por outra banda, a FEG non entende cómo se poideron asumir tantos riscos para o medio ambiente e para a seguridade marítima ao deixar achegarse o barco tan preto da costa pola negativa do capitán e da armadora a ser remolcado. Lembramos que, en moi pouco tempo, é o segundo caso deste tipo que acontece preto das nosas costas (en concreto, en fronte do esteiro do Miño).

A FEG considera necesaria a elaboración e aplicación de normas máis estrictas cás existentes para regular e controlar o tráfico marítimo de mercadorías perigosas fronte á costa galega, coa finalidade de evitar casos como o do "Prestige". Ademais, solicita á Administración española que presione na UE a favor dunha aplicación máis rápida das Directivas "Erika I" e "Erika II".

Por último, a FEG resalta a rápida mobilización dos grupos ambientalistas para colaborar no socorro da fauna afectada polo vertido de fuel do Prestige. Asemade, valora positivamente a rápida reacción da Consellería de Pesca para seguir as posíbeis consecuencias do accidente do "Prestige".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: