O presidente galego, Manuel Fraga, declarou recentemente o seu desexo de que un edificio da nova cidade cultural de Santiago leve o seu nome. E o primeiro que apoia este "detalle" é o propio alcalde socialista, Xosé Sánchez Bugallo.
O alcalde compostelán mostrouse onte partidario de bautizar co nome de Manuel Fraga algún edificio da Cidade Cultural de Santiago. "Paréceme normal recoñecer os méritos de tódalas persoas que traballaron por Santiago, independentemente de que coincidamos ideoloxicamente ou non", comentou Bugallo. E apuntillou: "indubidablemente Santiago ten motivos suficientes para mostrar o seu agradecemento ao titular da Xunta".
Bugallo lembrou que este agradecemtno materializouse hai pouco na concesión da Medalla de Ouro da cidade ao presidente, xa que "de ben nacidos é ser agradecidos", puntualizou. O alcalde sinalou que na planificación rueiro da cidade tense especialmente en conta "recuperar a memoria histórica, as persoas que defenderon os intereses da cidade e traballaron por ela".
Así, "é de xustiza", segundo el, recoñecer o esforzo de persoas que puxeron todo o seu empeño en Santiago, entre os que citou ao ata hai pouco alcalde, Xerardo Estévez, "do que no seu día teremos que deixar constancia expresa do seu traballo por Compostela".