Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Textos lexislativos a finais da Idade Media

Por Gemma Avenoza
As investigacións sobre os textos xurídicos medievais permite un maior coñecemento da historia, a lexislación e a sociedade da época, e a través das traduccións galegas conservadas pódese deducir cáles foron as fontes xurídicas manexadas en Galicia en lingua vulgar. Gemma Avenoza é profesora de Filologia Romànica da Universitat de Barcelona e realizou múltiples traballos de investigación no ámbito da literatura medieval románica.

- 05:17 27/06/2002
Tags:

Ó reflexionar sobre o estado do noso coñecemento das fontes galegas e portuguesas para a compresión da historia do dereito medieval, preséntasenos unha dobre pregunta: De entre os textos jurídicos de maior alcance no medioevo hispano ¿de cales temos constancia de que fosen trasladados ó gallego? Ou o que é o mesmo ¿cales foron as fontes xurídicas manexadas en Galicia en lingua vulgar? (1)

Centrámonos en catro grandes obras: o Forum iudicum, o Fuero real, as Partidas e o Ordenamiento de Alcalá. Das tres primeiras obras coñécense desde hai tempo testemuñas fragmentarias, mais do último texto non se sabía que fora traducido ó galego.

O Forum iudicum é un dos primeiros códigos manexados na Península (2). Este texto supuxo para a zona leonesa a base do ordenamento territorial, e como tal foi vertido tanto ó castelán como ó leonés, "por encargo oficial en tiempos de Fernando III y Alfonso X" (3). Tamén tivo na Idade Media (ca. 1201-1230) unha versión ó galego (versión galego-castelá publicada en 1895 por López Ferreiro, a partir dun manuscrito desgraciadamente hoxe en paradoiro descoñecido) (4).

O Fuero real (ca. 1252-1255, traducido entre 1260-1300) consérvase nunha traducción portuguesa -Ms. Lisboa, Torre do Tombo N.A. 398 amén da súa copia do s. XVIII hoxe na Real Academia da Historia 9/6660-(5) e nunha versión galega, quizais máis en leonés ca en galego, testemuñada polo fragmento do libro I, títs. x: 9-19, xi: 1-4 do Arquivo Histórico Provincial de León (6). O rei intentou unificar lexislativamente os distintos ordenamentos existentes, (7) mais os intentos unificadores de Alfonso X, que pretendeu estender o Fuero real a León, tropezaron coa oposición dos concellos leoneses. Entre 1274 e 1348 aplicouse en León, ben o Liber iudicorum -nas alzadas- ben o Fuero real, cando se trataba de preitos do rei (8). O auténtico cambio chegaría coa promulgación do Ordenamiento de Alcalá en 1348 (9).

Das Partidas consérvanse integralmente a primeira e a terceira en versión portuguesa, así como fragmentos da segunda, quinta, sexta e sétima. A versión galega tivo menos fortuna, xa que dela só nos chegaron fragmentos, que aínda así demostran que o texto foi traducido probablemente na súa integridade e que tivo ampla difusión (10) -da única da que non nos chegou ningún fragmento é da segunda, precisamente a que se conserva integralmente traducida en catalán- (11). Neste caso estamos non perante un ordenamento preciso, senón perante unha obra "abierta al Derecho común" (12).

Xunto con estes textos tamén sabemos dun fragmento, nunha lingua que máis parece leonés ca galego, das Flores de las leyes (Lib. I, Títulos 2 (3-4), 3, 4, 5, 6 (1-2), de Maestro Jacobo (escrito ca. 1235-1252, trad. 1273-1282) (13).

Os investigadores de BITAGAP (14) están intentando confirmar a existencia de textos que foron publicados a finais do século pasado ou comezos deste; investigacións que levan a rastrexar sobre o terreo os fondos das bibliotecas nas que se atopaban hai case un século. Dentro do marco destas investigacións, e de diversas viaxes por bibliotecas e arquivos galegos, fixéronse diversos achados, algúns de certo alcance, caso da localización dun fragmento do Ordenamiento de Alcalá en galego, no Arquivo do Reino de Galicia.

Un achado importante, xa que este texto é a base do ordenamento xurídico desde finais da Idade Media ata a Idade Moderna e en palabras de Valdeón "arma poderosa al servicio de la unificación jurídica del territorio" (15). A localización da versión galega do Ordenamiento de Alcalá produciuse o verán de 1995 durante unha viaxe de traballo realizada a arquivos e bibliotecas de Galicia e Portugal por parte dos membros do equipo de investigadores de BITAGAP (Askins, Sharrer e Dias) a quen tivemos o gusto de acompañar o Prof. Ignacio Pérez Pascual da Universidade da Coruña e quen asina estas liñas. Entre os fragmentos conservados naquel Arquivo, e gracias á inestimable colaboración do daquela director do Arquivo do Reino de Galicia, D. Pedro López, localizouse un folio de pergamiño que contiña un fragmento do Ordenamiento de Alcalá (16).

Este texto lexislativo ten dúas versións. A primeira, promulgada nas cortes de Alcalá de 1348 e a segunda, con algunhas correccións e modificacións -entre outras a división en títulos e a reunión de varias leis nunha- publicada por Pedro I nas cortes de Valladolid de1351. O texto do Arquivo do Reino de Galicia corresponde á primeira versión. O Prof. Jerry Craddock suxeriu que a data da copia sería anterior á refundición de Pedro I, mais a análise da transmisión textual de ambas versións en castelán fíxonos cuestionar en parte este argumento.

Acudindo ós datos da BETA (17) localizamos 39 copias do Ordenamiento en castelán. Destas, polo menos 6 recollen a segunda versión: tres son do s. XIV, dúas da primeira metade do XV e unha da segunda metade do XV. Maior fortuna tivo, xa que logo, a versión primitiva á que pertencen, segundo parece, as 33 copias restantes. Dicimos 'segundo parece' porque nalgunhas copias non se puido comprobar que versión reproducen. A distribución cronolóxica das copias da primeira versión é a que segue: 9 son copias do s. XIV, 8 da primeira metade do XV, 5 da segunda metade do XV, 7 do s. XV sen precisar máis. A maioría, polo tanto, son copias realizadas no s. XV, sendo a época de maior difusión a que se estende entre 1348 e 1450 (xa que recolle máis da metade dos testemuños). A difusión do texto da versión primeira responde, entre outras razóns, ó rexeitamento que en tempos de Enrique II tivo todo aquilo que tivera relación co seu medio irmán. Polo tanto, razóns da peculiar transmisión textual da primeira versión alíanse a cuestións paleográficas para propór como data de copia do pergamiño a segunda metade do s. XIV ou os primeiros anos do XV.

As leis que conserva o folio do Arquivo do Reino de Galicia refírense ós capítulos 66-70 segundo a primeira "versión"; ou á lei única do título 29 da promulgada en tempos de Pedro I. É a parte do Ordenamiento dedicada a resolver un conflicto xurdido entre as disposicións reais e o costume en torno a un procedemento xudicial propio dos fidalgos: os rieptos. En efecto, o rei Alfonso XI promulgou en Burgos unhas disposicións a respecto dos duelos que chocaban co costume polo que se rexían os fidalgos. Estes, descontentos coa disposición real, suplicaron ó rei que a modificara respectando os seus foros, e Alfonso XI accedeu a facelo en Alcalá (18).

A recuperación deste fragmento en lingua galega do ordenamento real supón reconstruír o panorama de textos lexislativos que circularon pola Península. As leis redáctanse en lingua vulgar, aínda que os letrados as discutan ou as comenten en latín; as xentes que están suxeitas a elas: nobres, cidadáns, comerciantes, gremios e xente do pobo en xeral non tiñan esa familiaridade coa lingua latina e para eles era para quen se redactaban os textos lexislativos en lingua vulgar. A investigación nos arquivos permítenos recuperar as fontes, e que o noso coñecemento da realidade histórica, xurídica e social daqueles tempos sexa a por de pequenos achados, cada vez máis completa.


NOTAS

(1) Unha primeira versión deste traballo foi presentada co título: "Las leyes y los pueblos: textos legislativos en gallego a finales de la Edad Media", no congreso Valoración del estudio de las fuentes históricas, jurídicas y literarias hispanas ante el siglo XXI (Barcelona, xuño de 1996), organizado pola Facultat de Geografia i Història. Departament de Paleografia, Universitat de Barcelona. Esta investigación foi posible en parte gracias á axuda recibida polo proxecto PB93-0758 da Secretaría de Estado de Universidades e Investigación, no seo do Programa Sectorial de Promoción General del Conocimiento.

(2) É precisamente unha traducción deste texto lexislativo o primeiro texto que conservamos en lingua catalana: un fragmento localizado recentemente na Biblioteca Capitular da Seu d'Urgell, publicado por Cebrià Baraut e Josep Morán, "Fragment d’una altra versió catalana antiga del Liber Iudiciorum visigòtic. I. Edició, contingut i datació", Urgellia, 13 (2000), pp. 1-25, datado contra 1150, polo que é anterior ó que ata hai moi pouco foi considerado como o texto máis antigo conservado en lingua catalana, o fragmento da Lig dels gots, Ms. 1109 da Biblioteca do Monestir de Monserrat, trad. ca. 1180-1190; vid. A. M. Mundó, "Fragment del Libre jutge, versió catalana antiga del Liber iudiciorum", Estudis Universitaris Catalans, 26 (1984), pp. 155-193.

(3)A. Lalinde, Iniciación histórica al Derecho español, Barcelona, 1995, p. 122 e ss.

(4) A. López Ferreiro, Fueros Municipales de Santiago y de su Tierra, Madrid, 1975 [1985].

(5) A. Pimenta, Fuero Real de Afonso X, o Sábio. Versão portuguesa do século XIII, Lisboa 1946; Alfonso X, Fuero Real. Edição, Estudo, Glossário e Concordância da versão portuguesa, ed. José de Azevedo Ferreira, Braga 1982; Alfonso X, Foro Real, ed. José de Azevedo Ferreira, 2 vols. Lisboa 1987.

(6) Vid. José Luis Pensado Tomé, "Tres fragmentos jurídicos galaicoportugueses", Cuadernos de Estudios Gallegos, 29 (1975), pp. 102-129; Alfonso X, Leyes de Alfonso X. II. Fuero Real. Edición y análisis crítico, ed. Gonzalo Martínez Díez, Ávila, 1988.

(7) Vid. tamén Nuno J. Espinosa Gomes da Silva, História do Direito Português: Fontes de Direito, Lisboa 1985.

(8) Lalinde, op. cit. p. 129.

(9) Para a obra lexislativa de Alfonso X é imprescindible Jerry R. Craddock, The Legislative Works of Alfonso X, el Sabio. A critical bibliography, London 1986.

(10) Un elenco das copias portuguesas pódese atopar na voz PARTIDAS, asinada por J. de Azevedo Ferreira, do Dicionário da literatura medieval galega e portuguesa coord. Lanciani e Tavani (Lisboa, 1993, pp. 511-512), que se completa cos fragmentos localizados en Coimbra por Aida F. Dias, "As Partidas de Afonso X: novos fragmentos en lingua portuguesa", Revista Potuguesa de Filologia, 20 (1994) pp. 91-124 e, co mesmo título, en Romance Philology, 54, 2 (2001), pp. 263-276 (á bibliografía da cal me remito) e polos descubertos en 1997 por H. L. Sharrer, Lisboa: Torre do Tombo, Caixa 21, n. 33 e 30-36, fragmentos en portugués da Partida V, tit. XI: 16-18, 20-22 e 30-36. tit. XII: 5-10 e 15-20, ou o da Partida primeira, tit. II: 10-11 e III: 2-3 (que xunto a outros verán a luz en Fragmentos de textos medievais portugueses da Torre do Tombo, eds. A.-F. Askins, A. F. Dias e H. L. Sharrer, Lisboa: 2002 en prensa) e o máis recentemente recuperado, en 1999, por H. L. Sharrer en Lisboa: Museu Nacional de Arqueologia, Dr. Leite de Vasconcelos, sen signatura, tamén en portugués, con fragmentos da Partida VI, tit. I: 7-9, 11 e 14-15, do que o estudio e edición aparecerán no seu momento. Para os fragmentos galegos vid. G. Avenoza, "Atopáronse uns pergamiños: O redescubrimento duns fragmentos en galego das Partidas", Romance Philology, 49.2 (1995), pp. 119-129.

(11) Traducción realizada entre 1340 e 1360 da que se conservan 5 copias: Biblioteca de Catalunya Ms. 15 (ff. 1-2 + i-xxv) e Ms. 942; Escorial Ms. m.I.2 e Ms. y.III.4 (ff. 53-96) e Universitat de València Ms. 869. Sobre esta versión vid. Siegfried Bosch, "Les Partides i els textos catalans didàctics sobre cavalleria", Estudis Universitaris Catalans (=Homenatge a Antoni Rubió i Lluch), 22.2 (1936), pp. 655-680.

(12) Lalinde, op. cit. p. 127.

(13) Vid. a edición de J. Luis Pensado Tomé, "Tres fragmentos..." cit. supra. Para a versión portuguesa conservada en Lisboa: Torre do Tombo, N. A. 398 (ff. 18-40) vid. M. Paulo Merêa, "A versão portuguesa das Flores de las leyes de Jácome Ruiz", Revista da Universidade de Coimbra, V (1916), pp. 444-457; J. De Azevedo Ferreira, "La version portugaise des 'Flores de Direito' de Jacobo de las Leyes", en Actes du XVIIIe Congrès International de Linguistique et de Philologgie Romanes, Tübingen 1988, vol. 6 pp. 49-61 e Jacob de Junta, Flores de Dereyto. Edição, estudo e glossário da versão portuguesa, Braga 1989. A versión catalana, Flor de les lleis (trad. 1290-1310 ca.) consérvase en tres manuscritos: Barcelona: Catalunya, 1216 ff. 50-58v; Ciutat de Mallorca: Arxiu del Regne, Còdexs Facticis 17 ff. xxviv-xlii e Madrid: Nacional, 865 ff. 29-76.

(14) p. 143.

(15) BITAGAP é a sigla pola que coñecemos a Bibliografía de textos antigos galegos e portugueses (Bibliografía de textos antigos portugueses -BITAP na súa primeira entrega cd-rom 0 de ADMITE); está elaborada por Arthur L-F. Askins (University of California. Berkeley), Harvey L. Sharrer (University of California. Santa Barbara), Aida Fernanda Dias (Universidade de Coimbra) e Martha E. Schaffer (University of San Francisco), é a única das bibliografías xestionadas dentro do proxecto PHILOBIBLON que carece de edición convencional en papel; ademais da ssúas entregas en cd-rom (a segunda de 1999 publicada en Berkeley, pola Bancroft Library) pode seguirse a evolución da investigación a través dos materiais da páxina de Philobiblon onde se atopará información completa sobre todos os manuscritos aquí mencionados.

(16) Para unha edición destes fragmentos e unha información máis completa vid. A. L-F. Askins, G. Avenoza, A. F. Dias, J. I. Pérez Pascual e H. L. Sharrer, "Novos fragmentos de textos xurídicos medievais galegos (s. XIV)", Revista de Literatura Medieval, IX (1997), pp. 9-43.

(17) BETA é a sigla que corresponde á Bibliografía española de textos antiguos, a máis veterana das bibliografías que integran o proxecto PHILOBIBLON, responsabilidade de Ch. B. Faulhaber, A. Gómez Moreno e A. Moll; posúe dúas edicións en formato convencional, a última publicada en 1984 (Bibliography of Old Spanish Texts, Madison, Hispanic Seminary of Medieval Studies) e doutras dúas en formato electrónico, xunto a BITAGAP e BITECA (Bibliografia de textos catalans antics dirixida por V. Beltran e G. Avenoza), nos cd-rom xa mencionados supra na nota 14, sendo tamén accesibles as súas actualizacións a través da páxina http://sunsite.berkeley.edu/Philobiblon.

(18) Do interese polo tema dos rieptos son testemuña, non só a insistencia en recoller en volumes de bo tamaño as cartas de desafío (lletres de batalla), senón tamén as anotacións que podemos ler esparexidas polos manuscritos medievais, como, por exemplo a recentemente identificada nun manuscrito da Catedral de Toledo, o 97-23, que contén basicamente textos de carácter médico en latín e catalán, mais que nun recuncho do f. 94v. unha das mans que interviñeron na copia e que emprega unha escritura gótica bastarda do primeiro tercio do s. XV transcribiu a seguinte anotación en catalán referente ó tema: "Si.l nom del que repta es par, e el nom qu·és reptat par, axí mateys en letres [...] so es a saber, quel reptador e·l reptat, en letres d'aquels noms que sien" (o claudator indica unha pasaxe de moi mala lectura, que comprende tres palabras).

Trad. de Bieito Arias Freixedo


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: