A Subdelegación do Goberno en Pontevedra pretendía multar a unha veciña de Vilaboa, Pilar Queimaño, pola súa participación nun acto de protesta contrario á empacadora segundo denunciou Guillerme Vázquez. Guillerme Vázquez non entende como a Subdelegación do Goberno pode tramitar unha sanción a unha veciña por participar nunha protesta "non autorizada", cando finara uns meses antes. A tramitación da denuncia fixo que o deputado se pregunte si con estas actitudes "se pon de manifesto o uso indiscriminado e pouco riguroso, que da facultade de sancionar está a facer a Subdelegación en relación co conflicto que en Vilaboa existe".
O grupo parlamentario do BNG presentou unha proposición non de lei na que se insta ó Goberno galego a demandar do Goberno españo e das súas delegacións que "anule tódalas propostas de sanción, ou sancións en trámite, que teñan a súa orixe na conflictividade social provocada pola decisión de ubicar unha planta empacadora de lixo no concello de Vilaboa". O Bloque entende que "existen elementos obxectivos que invalidan o proceso sancionador masivo, por carecer das mínimas garantías legais". Ata o momento producíronse 300 denuncias contra veciños de Vilaboa, "algunhas delas contra persoas que non estaban nos lugares onde ocorreron os sucesos denunciados. De feito, raramente se producen identificacións por parte da Garda Civil, co cal as denuncias manteñen un carácter arbitrario e unha intencionalidade de descabezar por esta vía ós dirixentes da coordenadora veciñal". A meirande parte das multas son por "cánticos contra a empacadora e logo disoverse pacíficamente, segundo consta nos expedientes".