A obra Os cadernos d´Amor e os Velenos (Libro das Posturas), de Emma Pedreira, vén de gañar o premio Bouza Brey, convocado polo concello de Vilagarcía con motivo do centenario do nacemento do autor de Nao Senlleira. O traballo da poetisa coruñesa foi seleccionado entre outros dezaseis e recibirá o seu galardón, dotado con 500.000 pesetas, nun acto público, o 3 de novembro.
O Bouza Brey de Poesía fallouse o 20 de outubro en favor da escritora coruñesa Emma Pedreira, que competiu con outros 16 autores co poemario Os Cadernos d'Amor e os Velenos (Libro das Posturas).
A poetisa recibirá o seu premio nun acto público que se celebrará o 3 de novembro, na Casa de Cultura de Vilagarcía. O concello desta cidade resérvase o dereito á publicación do traballo seleccionado.
O xurado está composto por Luz Pozo Garza, numeraria da Real Academia Galega; Fermín Bouza Álvarez, escritor e catedrático da Universidade Complutense de Madrid, ademais de fillo do homenaxeado; outros dous escritores galegos, Xosé María Álvarez e Gonzalo Bouza Brey Villar, e Fernán Vello, responsable da editorial de poesía Espiral Maior.