Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

"From Four to Four". Manuel Antonio en inglés

Por John Burns
Apareceu, traducida ó inglés, a obra máis emblemática do poeta rianxeiro. John Burns, o traductor ó inglés de Manuel Antonio (De catro a catro e ¡Máis alá!), explica algúns aspectos desta experiencia e a utilidade de empregar ó poeta norteamericano Hart Crane como referente en inglés para a traducción polo paralelismo entre ambos os dous poetas e as súas poéticas.

- 05:21 26/06/2001
Tags:

Ou ben podemos privelexiar o lector ou ben podemos privelexiar o escritor, e por extensión a súa cultura e a súa lingua, no momento de traducir un texto. Maioritariamente ignorado por parte do público lector de fala inglesa, o caso de Manuel Antonio é moi difícil de abranguer. Foi poeta de lingua minoritaria, pero por outra banda, foi abertamente vangardista, o cal quere dicir internacionalista. A necesidade de achegar o lector á obra manuelantoniana, e ó seu momento histórico e lingüístico, vese incrementada polo sentido de risco, de inovación que representa De catro a catro na sua época. ¿Como preservar esa tención, esa sensación de risco? Unha opción sería procurar un poeta da mesma época en lingua inglesa que tamén se arriscara poeticamente, e intentar axustar as imaxes de Manuel Antonio á voz dese poeta anglófono.

A elección evidente é Hart Crane (1899-1932). Coinciden temporalmente, xa que non xeograficamente. Ningún dos dous foi recibido con louvanzas por parte da crítica literaria da súa época, pero ambos gozaron dun público bastante amplo, dentro do que cabe, anos despois da súa morte. Os dous foron traballadores -Crane estaba empregado nunha fábrica de armas e logo nun asteleiro. Os dous deixaron unha obra pola cal permanecen na nosa memoria -The Bridge (A Ponte) no caso de Crane. O que é mais, as dúas obras, De catro a catro e The Bridge, comparten unha cantidade incrible de imaxes en común -non hai máis que comparar a sección "Cutty Sark" de The Bridge co "Navy Bar" de Manuel Antonio para percibir a semellanza. E á fin e ó cabo, isto significa borrar, sen máis, a inmensa distancia existente entre o inglés norteamericano da época, xa nas primeiras etapas de ser lingua imperial, se non lingua franca, e a lingua e cultura galegas, que loitaban por recoñecemento "oficial." Tamén significa esquivar o feito de que Hart Crane endexamais escribiu as palabras saudade nin morriña.

O intraducible da obra de Manuel Antonio non podía chegar pulido e limpo ó ingles, tiña que deixar que resistira cando o texto resistiu. Isto é, demostrar a fundamental "outredade" do texto ó lector de fala inglesa (no meu caso, sobre todo, estadounidense). Abondará cun exemplo. En "A fragata vella," Manuel Antonio escribe: "O minuteiro (tic-tac) asumeu o compás d'as travesías". A verba compás foi problemática, xa que significa: 'instrumento de navegación', 'intervalo de tempo', ou, especificamente o 'tempo medido cun metrónomo'. Non hai palabra inglesa que signifique todo iso. Polo tanto, inventei un neoloxismo, compassed time, fixen do sustantivo compass, o instrumento, un verbo to compass, que ten semellanza léxica co verbo to encompass, 'rodear, circundar'.

Nesta traducción a incompatibilidade entre o inglés e o galego non se agocha, admítese libremente polo feito de recorrer a un neoloxismo, pero tamén logra suxerir o que fai (é dicir, respectar) o verso orixinal de Manuel Antonio.

Manoel-Antonio
"From Four to Four".
Trad. de John Burns [galego ó inglés].
Puckerbrush Review.
Núm. XIX, ii.
Orono, Maine, EEUU 2001.
ISSN 0890-3433


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: