Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Traducir Hutchinson ó galego

Por Kathleen N. March
Sobre a traducción dunha antoloxía de poemas do escritor irlandés Pearse Hutchinson que este verán publicará a editorial Noitarenga. Kathleen N. March, catedrática do Departamento de Linguas Modernas da University of Maine, encargouse, xunto con Luis Martul, da edición e traducción desta escolma.

- 05:21 26/06/2001
Tags:

A obra poética do escritor irlandés Pearse Hutchinson (nado en Glasgow en 1927, de pais irlandeses) merece a atención do público lector galego por diversos motivos. Traductor el tamén, Hutchinson é autor de dous poemarios en gaélico irlandés, Faoistin Bhacach (1966) e Le Cead na Gréine (1990), e máis de meia ducia de libros en inglés. Entre as súas traduccións poden contar-se as que fixo do catalán, do galego e do italiano. Co-editor da revista Cyphers e membro da asociación cultural irlandesa Aosdána Hutchinson reside dende a nenez en Dublín.

O proxecto de traducción dunha ampla escolma de poemas hutchinsonianos tivera en parte a súa orixe no encontro co volume, The Soul That Kissed the Body, publicado en Hiperión baixo o título de El alma que besó el cuerpo. Sen facer comparacións precisas sobre esta version en castelán, pode-se dicer que foi evidente que a obra do irlandés, aínda que de ton e ritmo aparentemente quedos, presentaba uns elementos complexos, pertencentes a diversos niveis da creación e da recepción.

O inglés destes versos non parece difícil para o anglofalante. As situacións que abrangue tamén se poderían chamar "de ton menor": un saúdo dun amigo, unha excursion á praia, a voz dunha rapaza, a paisaxe urbana dunha cidade de Irlanda. Os xestos son mínimos e os movementos do corpo poemático ou do observado son dunha normalidade total. Seica son os lectores quen ten de atopar nistes intres calados a súa poesía, o seu simbolismo ou significado político. Remata a pesquisa a miúdo na descoberta de que entendermos a poesía de Hutchinson é entendermos o silencio, o detalle mínimo, a pobreza moral e económica revestida dignamente da palabra ou dunha sinxela melodía, pouco máis.

A poesía de Hutchinson non é política tanto pola denuncia aberta dunha situación, senón moito máis pola ausencia dun fluír cómodo das ideas e da sintaxe. Un anglofalante pode atopar-se diante duns versos sen poder identificar o referente ou, se cadra, a parte da oración, o sintagma, que está a ler. Por exemplo, non atopa fácil o asignar un adxectivo ou unha preposición ao elemento apropriado. Nunha palabra: non se lle permite descansar dentro da súa lingua, porque esta non se axusta ás leis máis familiares de emprego. Non é casual nin gratuíto este desaxuste lingüístico: forma parte da politización dunha poesía que, aínda cando estiver escrita en inglés, fai crítica da opresión británica da lingua e cultura da Grande Bretaña.

Hutchinsoon aprendeu o gaélico como segunda lingua, relativamente novo, e foi, segundo explica el, por amor, non por obriga. Portanto, é consciente do papel fundamental do bilingüismo na sociedade en que vive. Os seus poemas están cheos de referentes culturais importantes que na versión galega van esixir notas de aclaración. Entre os exemplos están os diversos músicos irlandeses e o seu papel no seo dunha cultura que sempre fixo e segue a facer resistencia calada, dura, ao imperio británico. Hutchinson lembra tamén unha Irlanda mítica, celta, guerreira e soberana, que contrasta coa nación pintoresca, morada de xentiña pequena vestida de verde e lugar de visita de presidentes e outros americanos con "morriña da terriña". Do folclórico oficial, das ledicias do baile e bebida como esmorga "made en Irlanda", non quer saber nada o poeta, e a lingua inglesa que construi é campo de batalla para a resistencia contra o seren os irlandeses colonizados por ela.

O terreo dos poemarios de Pearse Hutchinson contén os seus elementos autobiográficos, unhas orixes concretas e reais. Non son difíceis de identificar, mais o verdadeiro valor está no contexto dos textos, nas forzas e compromisos sociais que deron lugar a unha poesía de resistencia que moito lles pode dicer aos lectores galegofalantes interesados na creación que pode xurdir dunha nacionalidade, unha sensualidade e unha lingua marxinadas ou menosprezadas polas autoridades dunha civilización imperial. Exemplos concretos do conflicto ou desorientación destes poemas poderiamos ter dado moitos, mais o fundamental é lembrarmos que unha lingua sempre é, ou debe ser, representante dun pobo. A verdadeira dificuldade do proceso de traducción da poesía hutchinsoniana está na dificuldade de ser irlandés pensante nesta xeira que se vive.


IMAXINA

Para Phádraig Ó Conchubhair

Imaxina unha irlanda perdida.
Fóra deste mundo,
a fastidiosa illa, perdida.
Afundida.
Como todas as demais da súa ralea–
teimuda,
desafecta.
Entón a Pax Británica–
ou Soviética ou Pentagónica–
podería á fin rexir
a terra enteira.
A non ser por un pequeno detalle.
Que intuirían que faltaba.
Un vacío ouvido.
Entón podería ouvirse
Róisín Dubh,
nunha armónica ou nalgún
aparello aínda máis cheo de aire.
Mais: sen palabras.
¿Algunha vez ouviches
a Willie Clancy tocando á gaita The Connerys?
Se soubeches a letra no pasado
deseguida lembraríaste
sílaba sobre sílaba
sen equivocación.
¿E, quen sabe, mesmo
Róisín podería voltar?

Pearse Hutchinson
Poesías.
Edición bilingüe, con poemas inéditos, limiar e notas.
Trad. de L. Martul e K. March [inglés].
Santiago de Compostela: Editorial Noitarenga.
ISBN Pendente


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: