Por Luís Martul Tobío
A editorial Noitarenga foi fundada como resultado da comprobación de que as editoriais galegas non estaban dispostas a publicar un conxunto de obras extranxeiras que por ser expoñentes dunha radical novidade de pensamento, non tiñan un mercado criado e por tanto non eran rendibles; mais precisamente por esa novidade cumpría espallalas o máis axiña posible. Luís Martul Tobío é o responsable da Editorial Noitarenga e profesor de literatura hispanoamericana na Universidade de Santiago de Compostela.
Deste xeito as publicacións que foron saíndo concibíronse desde a pespectiva da intervención no eido do pensamento filosófico e político e do debate ideolóxico en Galiza. Posiblemente, até agora, os textos máis representativos sexan Mundo contemporáneo e desexo de filosofía, A Ética, Para unha nova teoría do suxeito, as tres de Alain Badiou, e ABNM de Natacha Michel.
A natureza disciplinar dos textos e a finalidade asignada levou a pensar que a súa traducción tiña que ser moi precisa e consciente do marco teórico no que se situaban e das liñaxes dos conceptos empregados, así como que debía ser sensible tamén aos cambios de acepcións que o autor puidera introducir. A súa condición técnica inicialmente axudaba, sobre todo, se comparamos con textos de invención literaria. Nese sentido a traducción estivo moi marcada por un principio de riguroso respecto literal aos textos, o cal demandaba como condición previa o coñecemento do pensamento dos autores. O traballo fíxose afastándose dunha actitude que comodamente descansase nas semellanzas ou parecidos entre termos e, polo contrario, levouse segundo unha comprobación teórica respecto a xusteza deles. No caso destas obras a dificultade caía, máis ben, do lado da súa altura intelectual, o que levou nalgunha ocasión a consultarlle persoalmente ao autor o significado dalgunha pasaxe concreta, para a que non había un seguro referente, por mor da súa condición anovadora.
O que atopamos, posiblemente como lle teráe ocorrido a moitos outros traductores ao galego, foi a inseguridade experimentada por falta dun corpus de diccionarios axeitados. O léxico tecnificado das disciplinas traducidas pode representar en ocasións un ponto de grande incerteza, xa que un diccionario común non sempre cobre as solucións específicas dun saber construído sofisticadamente. De feito, sentiuse a miúdo, tanto como a falta de diccionarios, a carencia dunha tradición de escritos filosóficos e políticos en galego que desen completa seguridade no uso dos termos implicados. En realidade, esta circunstancia fixo que tivesemos constancia en moitos momentos da sensación de que eramos nós os que tiñamos que decidir sobre a selección dun termo diante da imposibilidade de comprobar nun corpus textual os diferntes usos. Con todo, chegabamos a conclusión de que estes textos podían ter a misión de completar ese espacio no que notabamos as ausencias.
Outro aspecto que incidiu no noso traballo foi ir comprobando que algunhas das poucas traduccións que se fixeran en español destes autores non localizamos ningunha en portugués nin en catalán- destacaban pola liberalidade con que concibían a súa tarefa. De tratarse de autores como Natacha Michel ou Beckett, en particular os textos que se encontran como apéndice no libro de Alain Badiou Beckett. O incansable desexo, as traduccións da editorial Tusquets- eran un exemplo de invención esaxerada por parte do traductor. A comprobación desta maneira de traballar fixo que reaccionaramos cun maior respecto aos textos, deixándonos de interpretacións excesivamente creativas que delataban, ao noso xuízo, unha preguiza do traductor e, por tanto, unha irresponsabilidade.
Curiosamente, os textos traducidos publicados en Noitarenga non se cinguiron só ao espazo galego. Por recomendación explícita do autor, Alain Badiou, a primeira das nosas publicacións Arredor da cuestión nacional foi retraducida ao francés para ser publicada en Francia e a aparición de A Ética, do mesmo autor, propiciou a traducción ao euskera por nosos amigos do colectivo J. Agirre de Euskalherría. Parece que as verdades teñen unha certa veleidade a ser universais...
Para máis información escriba ó correo electrónico de Noitarenga. Páxina web de próxima aparición.