Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Poetas galegos do P.E.N.

Por John Burns
...fun posuído por trinta espíritos moi diferentes, un tras outro, durante unha a cantidade de tempo difícil de especificar (en realidade foi máis ou menos tres meses, pero deume a impresion de ser moito máis). Poder compartir en tantas perspectivas e en tantas voces luminosas e sobre todo, alleas a min, voces que soltaron palabras que endexamais xurdirían da miña pluma, foi unha experiencia impresionante, un honor polo cal estou sumamente agradecido. John Burns é estudiante na University of Maine e empeza agora os estudios como graduado na Universidade de Wisconsin, EUA; así mesmo é traductor da antoloxía Poetas galegos do P.E.N.

- 05:21 26/06/2001
Tags:

Tiven que procurar consolo na aseveración optimista de Roman Jakobson, que a lingua non se limita por o que non pode dicir, senon por o que ten que incluir—ou sexa, pouco mais que pormenores gramaticaes -¡menudo optimismo!- (Schulte & Biguenet 1992: 149). O esencial do que tiveron que dicir estos poetas, creo tiven a sorte dicilo no inglés máis adecuado que puiden, malia as evidentísimas perdas que supón unha traducción literaria.

Toda antoloxía, por definición, ten lagoas lamentables, Nembargantes, esta foi unha mostra efectivamente boa do feito poético, hoxe por hoxe en Galicia. O primeiro que salta á vista é a heteroxeneidade das voces incluídas. Hai voces que remiten á tradición ilustre da poesía galega pasada como pode ser, por exemplo Helena Villar Janeiro coa sua "No camiño da noite estrelada," referencia clara a Ramón Cabanillas, ou ben Francisco Xosé Fernández Naval, quen emprega un vocabulario marítimo claramente vinculado á obra manoelantoniana, ou tamén o poema influenciado pola tradición medieval galego-portuguesa, "Illa" de Ferrín. Por outra banda, temos nesta antoloxía a obra rompdedora (ou "rompente") de Chus Pato, Ana Romaní ou Antón Lopo, poetas que retan as nosas conciencias a reimaxinar o mundo que habitamos, cuestionando os paradigmas, sexan sociais ou sexan estéticos, que rexen a nosa manera de ver.

Que a antoloxía tivera un alcance amplo, debido a cuidadosa selección de textos por parte de María Rábade, foi preciso, xa que a audiencia á cal foi destinada, os asistentes da Celebración Mundial da Poesía, entre eles Derek Walcott, Wole Soyonka, Charles Tomlinson, Bella Akhmandulina e Nicole Brossard, na sua maioría, non saberían mais da literatura galega salvo, cecais, a obra de Rosalía. A introducción, tamen de María Rábade, delinea de manera xeral, e chea dos datos sobresalientes, a historia da literatura galega, defendendo a validez da moi discutida tradición oral e anónima, servindo así de guía para o forasteiro interesado.

¿Que representa entón esta antoloxía, esta pequena mostra? Entre outras cousas, é o froito dunha loita. Nun discurso que pronunciou para presentar o recital de Derek Walcott e Wole Soyinka, Ferrín destacou o ligazón entre as literaturas “subalternas” que teñen que loitar pola sua validez nos ollos do resto do mundo (nin falamos, agora, da loita contra a represión política). A variedade temática e estructural, a liberdade poética destos versos—cosmopólitos, rurais, marítimos, terrenais, políticos, eróticos, espirituais— representa o estado de saúde moi forte da poesía galega na sua progresión de cara ó recoñecimento internacional.

Bibliografía citada

Schulte, Rainer & John Biguenet, eds.
Theories of Translation.
University of Chicago Press: Chicago, 1992.

Sel. de María do Cebreiro Rábade Villar
A poesía é o gran milagre do mundo. Poetas galegos do P.E.N.
Poetry is the World's Great Miracle. Poets of Galician P.E.N. Club

Santiago de Compostela: PEN Clube de Galicia, 2001.
ISBN 84-931711-4-X


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: