Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Declaración do Eixo Atlántico

Por Xosé González Martínez
O 20 de abril de 2001 a comisión executiva do Eixo Atlántico aprobou a proposta elaborada pola Fundación Premios da Crítica de "Declaración dos Dereitos Lingüísticos do Eixo Atlántico", que aquí se reproduce integramente. Esta iniciativa pode axudar a supera-lo desencontro históricos entre as linguas galega e portuguesa, máis agora, cando as relacións transfronteirizas están afectar ás relacións económicas. Xosé González Martínez é o presidente da Fundación Premios da Crítica Galicia.

- 05:21 26/06/2001
Tags:

Calquera que nos vexa de fóra encontrará ridícula a comunicación que establecemos portugueses e galegos cando nos vemos. Os mesmos diccionarios dan conta da falta de comunicación: biombo, marexada, monzón, volcán, crioulo, mandarín, tiburón ou barroco son palabras que o portugués deu ó castelán e ós galegos nos chegaron polo castelán. Son poucas as que entraron ó galego directamente do portugués, e case sempre a través da terminoloxía do mar (arroaz, cachalote, curricán), polo contacto entre mariñeiros, ou da literatura (saudade).

Precisamente na literatura descansaron moitos intentos de achegamento, pola sensibilidade cultural que se lles supón ós escritores e por traballaren estes co elemento que máis nos recorda a nosa irmandade, a lingua; pero nunca houbo concreccións de colaboración, agás pequenos xestos que quedaron no ámbito particular: a relación de Teixeira de Pascoães con Aquilino Iglesia Alvariño, o fondo coñecemento que tiña Miguel Torga de Galicia (máis có tamén veciño Eça de Queiroz, que preferiu Londres e París), algunha novela de Torrente Ballester (en castelán), os relatos de Méndez Ferrín desdebuxando a raia fronteiriza, ou a literatura de Bento da Cruz e Luís García Mañá, que ben puideran corresponder a calquera dos dous lados.

Os escasos intentos de achegamento vía cultural e vía comercio non funcionaron. E seguramente do intercambio mercantil que se está a producir nestes últimos anos tampouco poidamos esperar sorpresas favorables.

¿Cal consideramos, entón, que debe se-lo camiño? Seguramente o mutuo coñecemento e a concienciación. O coñecemento máis aló do bacalhao á grelha e El Corte Inglés, e a concienciación de convivencia, respecto e estratexias compartidas.

A historia non fixo máis que separarnos, por nós mesmos fomos incapaces de buscar puntos de encontro. O común marco actual europeo vennos prestar unha axuda cando establece políticas que favorecen o intercambio en tódolos sentidos, desde o lingüístico ó económico. Consideramos, entón, que sexa este o momento ideal de establece-las pontes de converxencia que logren facer da nosa proximidade unha convivencia proveitosa.

Cómpre insistir nos elementos que nos unen e esquece-los que puideran diferenciar, a través de campañas de sensibilización social, dosificadas pero continuas. O panorama histórico que nos toca vivir considerámolo propicio e determinante, como nunca se nos presentou na vida, por tanto o sentido da responsbilidade debe estar activado coma nunca por ámbalas partes.

Antes mencionaba a palabra saudade, que antigamente para os galegos correspondía á soidade e máis recentemente á morriña. Son tres conceptos que nos pertencen e nos definen, intransferibles ás culturas portuguesa e galega, con matices diferenciadores pero moi próximos. Entendamos esta apreciación lingüística como metáfora de que, aínda con certas personalizacións -que nos imos respectar-, compartimos moitos aspectos que nos diferencian, á súa vez, doutras culturas europeas ás que tamén respectamos e coas que queremos tamén convivir.

É tempo de falarmos do noso futuro.

Proposta

Por todo isto, a Fundación dos Premios da Crítica Galicia exponlle ó Eixo Atlántico a proposta da seguinte Declaración:

DECLARACIÓN DE DEREITOS LINGÜÍSTICOS DO EIXO ATLÁNTICO

As institución que forman o EIXO ATLÁNTICO, reunidas o día 20 de abril de dous mil un, DECLARAN QUE

1.- Considerando que a Constitución Española, a Portuguesa e o Estatuto de Autonomía de Galicia declaran cooficiais a tódolos efectos nas actividades do EIXO ATLÁNTICO as linguas portuguesa, española e galego, de xeito que:


1.1. as intervencións e documentos escritos terán plena validez en calquera das tres linguas;

1.2. tódolos galegos e portugueses teñen dereito a expresáresen, seren atendidos e obteren documentación oficial en lingua galega ou portuguesa, respectivamente, polos concellos do EIXO ATLÁNTICO, en forma de papel, soporte informático ou calquera outra.


2.- Considerando a forza do actual proceso de restauración social do uso da lingua galega e maila necesidade de impulsala de conformidade coa Carta Europea das Linguas Minorizadas, o EIXO ATLÁNTICO promoverá iniciativas propias e apoiará iniciativas alleas que impulsen aquel proceso:

2.1. Tenderá a que as relacións se realicen preferentemente en lingua portuguesa ou en lingua galega.

2.2. Terá como válidos tódolos documentos notariais ou autorizados por funcionarios que exercen a fe pública, que estean redactados en lingua galega.

2.3. Promoverá campañas para promove-los hábitos dos portugueses de acepta-las relacións orais e escritas, oficiais e comerciais, dos galegos con eles en lingua galega.

2.4. Promoverá a libre circulación dos productos galegos ou portugueses etiquetados respectivamente en lingua galega ou en lingua portuguesa.

2.5. Promoverá actividades culturais que contribúan a impulsa-la actividade comercial e cultural en lingua galega.


3.- Considerando a Lei de Normalización Lingüística de Galicia, refrendada polo Tribunal Constitucional español, e mailas Recomendacións da ONU en materia toponímica, declaran que os topónimos portugueses terán no EIXO ATLÁNTICO unha forma oficial que será a portuguesa, e os topónimos galegos terán unha forma oficial que será a galega.


4.- Considerando que o modelo economicista de crecemento propugnado polos grupos económicos transnacionais, que identifica progreso con desregulación e liberdade con individualismo competitivo, xera graves e crecentes desigualdades económicas, sociais, culturais e lingüísticas, o EIXO ATLÁNTICO

4.1. propugna un modelo de desenvolvemento sostible e equitativo para toda a humanidade, e propicia un marco de organización política da diversidade lingüística baseado no respecto, a convivencia e o beneficio recíprocos;

4.2. entende que o espacio comunicativo mundial é compatible coa participación equitativa de tódolos pobos, de tódalas comunidades lingüística e de tódalas persoas no proceso de desenvolvemento;

4.3. coherentemente, o EIXO ATLÁNTICO constitúese como unha forma de vertebración internacional que permita mante-la diversidade dentro da mundialización da economía e do mercado da información;

4.4. comprométese a orientar tódalas súas actividades na liña de mante-la cohesión interna de cada comunidade lingüística, independentemente da súa limitación demográfica, dispersión, precariedade económica ou modelo cultural distinto do predominante.


5. O EIXO ATLÁNTICO recoñece o dereito dos galegos e dos portugueses a obteren nas súas respectivas linguas unha información completa, tanto oral coma escrita, sobre os productos e servicios que propoñen os establecementos comerciais (como, por exemplo, as instruccións de uso, as etiquetas, as listas de ingredientes, a publicidade, as garantías e outros), así coma as indicacións públicas referentes á seguridade dos cidadáns en condicións non inferiores ás de calquera outra lingua. O EIXO ATLÁNTICO promoverá campañas de mentalización para que nos intercambios entre empresas e entidades galegas e portuguesas se faga efectivo este dereito que todo cidadán, cliente ou usuario ten de ser informado, oralmente ou por escrito, na lingua propia do territorio nos establecementos abertos ó público, aquén e alén do Miño.

Para poñerte en contacto coa Fundación Premios da Crítica Galicia escribe a este correo electrónico.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: