Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Unha antoloxía pentalingüe en Alemaña

Por Xavier Gómez-Montero
O libro presentouse no mes de maio na Universidade da Coruña coa presencia de Luís G. Tosar e César Antonio Molina a carón do antólogo e o 27 de xuño no Instituto Cervantes de Munich. Xavier Gómez-Montero naceu na Coruña e dende 1998 ocupa a cátedra de Filoloxías Iberorománicas na Universidade de Tübingen; é especialista en lírica hispánica e recententente elaborou unha antoloxía pentalingue con orixinais en galego, catalán, euskera e castelán xunto coa correspondente traducción ó alemán. En outubro publicará en Alemaña un volume colectivo sobre literaturas minorizadas e conceptos de identidade en España e Portugal do que tamén dará puntual noticia Canal Estudios Galegos.

- 05:21 26/06/2001
Tags:

A comezos de ano a editorial Walter Frey (edition tranvía) publicou unha antoloxía poética de case duascentas páxinas que recolle textos emblemáticos de escritores contemporáneos de expresión castelá, vasca, catalana e galega na lingua de orixe e en alemán (os poemas de B. Atxaga van acompañados, ademais, da súa propia versión en castelán).

De Luís Tosar, actual presidente do PEN-Club galego e nado en Bos Aires, recolléronse sete poemas que crean unha mitoloxía telúrica de identidade que incide en símbolos colectivos da cultura galega e da súa tradición literaria e que bosquexan nostálxicos proxectos de patrias apoiadas pola errancia do poeta pola diáspora galega en América. Os poemas antologados son "Ferramentas de identidade", "Arca aberta do meu peito", "Un cadaval de versos", "Códea última", "Cidade, os teus ollos de onte...", "Que vinte anos non é nada", "Un longo lagarto verde".

De César Antonio Molina, cunha escritura poética que recorre indistintamente ao galego e ao castelán, foron seleccionados seis poemas que propoñen unha reconstrucción das ruínas do mundo (título xenérico da súa obra poética), os mundos perdidos nos abismos do Océano Atlántico e resucitados gracias á ollada do poeta, desde os faros da Costa da Morte. Foron antologados os seguintes poemas: Retrato con naturaleza muerta, Expreso, A Coruña, Epigrama, Las ruinas del mundo, La primera noche de la quietud.

Ambolos dous autores intégranse na idea matriz da Antoloxía que vén dada por unha práctica recorrente de auscultación de territorios poéticos de identidade - que soen devir unha e outra vez en espacios de alteridade - en e mediante a linguaxe. Neste sentido, e na súa totalidade, os textos reunidos achegan unha apaixonante reflexión sobre a actual ansiedade de identidade e enraizamento na experiencia persoal, na linguaxe e nunha tradición cultural específica que no caso de L. Tosar e C.A. Molina son moitas veces os símbolos colectivos da identidade galega.

A inclusión destes autores na antoloxía, que recolle ademais poemas de A. Crespo, B. Atxaga, J. Pont, C. Borja e A. Sánchez Robayna, posúe unha grande importancia para o mellor coñecemento da poesía galega en Alemaña, onde a prestixiosa editorial Suhrkamp xa publicou obras de Rosalía de Castro, Alvaro Cunqueiro e Manuel Rivas. Fica fóra de toda dúbida que a Antoloxía positiviza o feito da pluralidade de tradicións culturais e literarias en España e que a concepción do libro está en débeda coa convicción de que no precario equilibrio que resulta desa polifonía cultural e lingüística, converxente e diverxente ao mesmo tempo, proxéctase unha constante da poesía máis universal, que é a pescuda crítica da persoa e da conciencia mediante un vehemente asedio á memoria colectiva. Así os sete autores transcenden os termos con que se soen tratar estas cuestións e os poemas de B.Atxaga, J. Pont e L. Tosar rebentan os límites das escrituras identitarias monologuizadoras ao mesmo tempo que o seu asentamento nunha tradición literaria marxinalizada é, sobre todo, indicio transparente dunha vontade de autodeterminación discursiva da que participa, en particular, a literatura galega actual.

Para máis información preme aquí

Ed. de Javier Gómez-Montero
Territorios de la poesía. Territorien der Lyrik in Spanien. Una Anthologie
Berlin: edition tranvía/Walter Frey Verlag, 2001.
Postfach 303626 Berlin
ISBN 3-925867-51-1


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: