Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

A traducción galega do "Cabaleiro da Carreta"

Por Santiago Gutiérrez
Vén de ser traducida un dos títulos máis salientables da literatura artúrica medieval francesa. Santiago Gutierrez, profesor da Area de Teoría da Literatura na Universidade de Santiago de Compostela e traductor ó galego desta obra, fala do paradoxo de que, malia a importante presencia da materia de Bretaña na literatura galega, esta sexa a primeira traducción ó galego moderno dun destes clásicos medievais.

- 05:21 26/06/2001
Tags:

Aínda que Lanzarote ou o Cabaleiro da Carreta é, segundo coido, o primeiro roman artúrico que se verte ó galego, a súa traducción intégrase nunha corrente asentada dende hai xa varios anos no ámbito das linguas hispánicas e, especialmente, no do castelán. Aportacións como as de Carlos Alvar, que traduciu o ciclo da Vulgata artúrica; Victoria Cirlot, que fixo o propio, entre outros, co Perlesvaus, L´âtre périlleux ou Li Beaus Desconneus; Martín de Riquer Li contes del graal; ou Luis Alberto de Cuenca, traductor do roman do que estamos a tratar, trazan un marco xeral de referencia que se amosa sumamente operativo cando se trata de aplicar a outro romance peninsular.

Non deixa de sorprender, polo demais, que o Cabaleiro da Carreta sexa a primeira traducción artúrica que se leva a cabo ó galego, habida conta a familiaridade dos autores que escriben nesta lingua cos mitos bretóns, continuamente revisitados e adaptados ás súas propias circunstancias culturais. A inexistencia de traduccións, qué dúbida cabe, obriga, dende o punto de vista da recepción galega, á lectura das obras nas súas linguas orixinais, práctica esta sempre recomendable, pero que restrinxe sobremaneira unha difusión máis ampla, debido ás dificultades de comprensión que xorden á hora de enfrontarse con textos compostos en francés ou inglés medievais. Dúas solucións se abren ante o ollo do lector curioso: as reelaboracións en linguas modernas, moi productivas nos sistemas literarios anglosaxóns (pénsese na recreación que de Malory levou a cabo John Steinbeck) ou, máis accesible dende o punto de vista da distribución editorial, o achegamento a través de versións dos textos orixinais noutras linguas, especialmente o castelán.

Similar situación acontece no que respecta ás fontes secundarias, en boa medida derivada da inexistencia dunha tradición editorial galega que, de xeito sistemático, se interese por traballos que tomen como obxecto de estudio realidades alleas ás do propio país. Deste modo, a bibliografía da que se debe nutrir calquera aportación crítica que sobre literatura artúrica se realice en Galicia procede, case na súa totalidade, dos ámbitos francés e anglosaxón. Para este aspecto nin sequera o castelán ofrece unha axuda adecuada, tendo en conta a discontinuidade dos estudios que sobre esta materia se teñen producido no conxunto de España. Neste sentido, abonda con botar unha ollada á bibliografía (mínima, pero representativa) que como simple orientación erudita acompaña ó Cabaleiro da Carreta, onde tódolos títulos proceden de alén os Pirineos. Dáse, deste modo, o paradoxo de que os asedios á materia de Bretaña se producen sempre dende unha lingua allea ó galego e de que, cando se produce algún intento illado, adorna as súas páxinas con referencias procedentes doutros ámbitos culturais. A atracción que seica parece sentir Galicia pola literatura artúrica non deixa de ser, polo visto, unha idea vagorosa de límites borrosos, especie de soño medieval que permite artellar un discurso de nostalxias, onde a penas cobran dubidosa identidade as reliquias custodiadas no santuario do Cebreiro, os mosquitos da lagoa de Espadañedo ou a illa de Sálvora convertida en refuxio feérico de reis inmortais.

Seguindo o fío destas consideracións, o Cabaleiro da Carreta non é máis que unha simple andoriña que non pretende facer verán, humilde aporte que, consciente das súas limitacións, acota uns obxectivos en absoluto ambiciosos. A intención dunha traducción como esta, case resulta obvio sinalalo, responde ó desexo de dar a coñecer un dos textos fundamentais da literatura artúrica máis aló das marxes, sempre estreitas, dos círculos medievalistas. Tal propósito, implícito en toda empresa traductora, faise neste caso explícito a través da introducción e a breve escolma bibliográfica que anteceden ó texto de Chrétien de Troyes, por medio das que se ofrecen algunhas claves interpretativas que axuden a entende-la obra así como uns simples apuntamentos que sirvan como punto de partida para pescudas máis profundas por parte dalgún lector interesado.

Como apuntabamos máis arriba, a presente traducción inscríbese nunha corrente xa consolidada de traduccións artúricas peninsulares, das que se pretende, se non continuadora, alomenos émula. Isto reflíctese nalgúns dos trazos formais empregados. O máis salientable, se cabe, é a adaptación a prosa dos pareados octosílabos do texto orixinal, o que facilita a súa lectura e aumenta o xa de seu áxil ritmo narrativo das obras de Chrétien. Polo demais, a nova configuración formal impuxo a reelaboración doutros elementos discursivos que, chegados a ese punto, perderan boa parte da súa operatividade; tal foi o caso, por exemplo, das parellas sinonímicas, tan caras ó escritor da Champaña.

Asunto non menos problemático resultou a traducción dos nomes propios, verdadeira pedra de toque de toda traducción artúrica. A complexidade deste pormenor, que tal vez merecese un tratamento específico máis por extenso, levou a adoptar solucións dispares ós sucesivos traductores. Sirvan de exemplo dúas das posturas adoptadas ó respecto no ámbito castelán. Mentres que case que tódalas traducción aducidas ó comezo deste comentario adoptan formas moi achegadas ó orixinal francés, o Diccionario de mitología artúrica de Carlos Alvar opta pola castelanización masiva (aínda que sen chegar a ser sistemática). Os problemas xorden pola existencia, dentro dun universo intertextual de grande complexidade, de nomes que callaron nas tradicións das respectivas linguas vernáculas (é o caso de Artur, Galván ou Lanzarote), xunto a outros de menor relevo e de ardua traducción. O problema agrávase pola semantización de moitos nomes propios, que, especialmente nos topónimos, se converten nun recurso descritivo.

A solución adoptada intenta evita-lo emprego gratuíto da forma francesa ó mesmo tempo que a traducción innecesaria de nomes que non o esixen. Deste modo, respectouse a forma orixinal da maior parte dos nomes, verténdose só aqueles galeguizados polo peso da tradición e que se correponden cos dos personaxes máis célebre da materia bretona. Xunto a estes, traduciuse a toponimia semantizada, tan característica dos relatos artúricos e que, na obra que nos ocupa, atopa a súa máxima expresión nas dúas vías de entrada ó reino de Gorre: a Ponte da Espada e a Ponte Somerxida.

Este breve repaso polas intencións que levaron á traducción do Cabaleiro da Carreta e dalgúns dos problemas suscitados ó longo dese labor non pretende ser outra cousa que un acicate que conduza, mellor que á lectura dun libro, á lectura (e, por qué non, á composición) de moitos libros, consagrados, con máis fortuna que o presente, á figura do rei Artur.

Chrétien de Troyes
Lanzarote ou o Cabaleiro da Carreta.
Trad. de Santiago Gutiérrez [francés].
Vigo: Xerais, 2000.
ISBN 84-8302-603-1


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: