Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Dende a rúa Torreiro, Zara: O faro da moda

Cando vemos as fotografías das tendas de Zara no Xapón, ou en Uruguai resulta difícil pensar nunha pequena camisería da rúa Torreiro, na Coruña. Pero así son, así foron, as cousas da vida de Inditex.

Por Roberto Vázquez Noguerol

- 16:49 22/05/2001
Tags:

O ciclista

¿Acórdanse vostedes de cando o Dépor foi virtual campión de Liga durante media hora? Ano 50, non puido ser daquela. Pero comezaba a primeira década de ouro do equipo. Eran os tempos da 'Orquestra Canaro'. Por aquel tempo facía o seu paso fugaz polo equipo Amancio Amaro, futbolista.



Pero ocúpanos aquí outro Amancio, un mozo que por eses anos era Amancio Ortega, o ciclista. E non precisamente por deporte. O mozo Ortega pasaba o día sobre unha bicicleta entregando os pedidos dunha coñecida camisería da rúa Real. Sobre rodas dende o principio.

Era a camisería Gala, aínda existente na cidade. E dende alí, no cruce de Bailén, Rego de Auga e a Real saía o mozo Amancio coa bici a entregar os pedidos que facía a burguesía coruñesa da época. De alí pasou a La Espuma, tamén no sector da confección.

A familia Ortega, da man do pai ferroviario chegara á Coruña no 50. Tiña Amancio daquela catorce anos. E chegados os 60 foi dar a La Maja, tenda de moito renome pola época e onde tiñan en estima a seu irmán Antonio que chegaría a viaxante. O mesmo Amancio ascendeu ao pouco tempo a dependente. Un pasiño máis. Alí tamén lle encheu o olliño ao pequeno dos Ortega unha compañeira de traballo, moza que atendía por Rosalía e que sería a súa muller poucos anos despois.

Adicábanse, á parte das camisas, a lencería e outras prendas. E disque foi alí onde viu Amancio Ortega o camiño por onde había de tirar en anos posteriores. Os donos de La Maja traían moito material de Cataluña, e había en especial unha bata rosa a onde se lle iba a vista a canta muller por alí pasaba. Bata que por suposto non calquera podía permitirse.

A bata de guatiné

Así, e logo de convencer a muller, irmán e a un tal Caramelo (José Antonio), viaxante do que tamén lles soa o nome..., embarcáronse no empeño de copiar aquel deseño coa idea de vendelo a metade de prezo. Dun baixo da rúa Noia saíron desa maneira esas batas de guatiné que facían as delicias das mulleres da época.

E non se deberon vender mal. Ao pouco tempo, a tropa cruzaba a Ronda de Outeiro ata San Rosendo para montar xa un taller en plan máis serio. Era o ano 63 e nacía Confeccións Goa (iniciais de Amancio Ortega Gaona ó revés). O inicio dun imperio...

Nace Zara

A primeira tenda Zara non xurdiría ata 1975. Pretiño daquela Gala onde comezara de recadeiro, Ortega montou a tenda emblemática na Coruña do grupo. Entre Santo Andrés e a Galera, na rúa Torreiro, preto dos míticos almacéns Barros. E comezou metendo a zoca.

No solar onde estivo Barros instalouse hai uns anos a multinacional Virgin coa intención de vender discos. A cousa non debeu ir moi ben e desistiron non moito despois. Anécdotas da vida, moitos anos antes, no primeiro Zara daquela rúa Torreiro, Ortega tentara vender discos e mesmo libros, ademais das súas prendas. Non puido coa competencia de Barros alomenos pola vía dos grandes almacéns, así que decidiu cinguirse á roupa. Non volvería ter outro tropezo.

Voltas que dá a vida, logo do fracaso de Virgin, Ortega acabou facéndose co histórico local por vía doutra das súas empresas, Bershka. Alguén que cruzara a rúa sen mirar ás beiras podería pensar que non mudaran as cousas. Vídeos emitindo a MTV, decoración de última xeración e música a todo volumen azuzando os ánimos consumistas do persoal: rapaciñas revolvendo entre prendas de moito colorido e estravagancia. Formas e estética como para tumbar do susto calquera avoa mociña dos tempos das batas de guatiné coas que comezou a historia.

A pegada do tsar na Coruña

Unha rúa por outro lado, preto de Zalaeta, onde se di que vive o empresario, e colonizada case polas súas empresas. Fronte a ese novo concepto que lle chaman Bershka, está un remodelado Zara, espacioso, luminoso e bulir continuo de xente, onde xa non hai aquela pequena gardería infantil do piso de arriba onde as nais deixaban os seus cativos mentres desgadellaban nos estantes da tenda buscando a última ganga. Será que os tempos mudaron, será que o vello Amancio sempre a matinar e coas orellas moi abertas ás necesidades da clientela matinou que xa non era preciso.

Á beira deste Zara, a sofisticación urbanita doutra adquisición de Inditex, as tendas Massimo Dutti. Contan nos mentideiros que nin tolo se pon o Ortega un traxe dos que alí venden. Tense dito tamén que non levaba garavata nin cando no 63 chegou a un banco dos Mallos a pedir un crédito para comezar co 'chiringuito'.

Ecléctico panorama da rúa Torreiro, cos seus carteis publicitarios á entrada por Santo Andrés, non, de Zara non, non vaian pensar ¿algunha vez viron por aí un anuncio de Zara?

E da outra volta tascas clásicas coruñesas xa entrando na rúa da Barreira. Por alí no medio aínda hai, un vello edificio, marelo do tempo, e de marcos verdes na fiestra, a casa onde naceu Wenceslao Fernández Flórez. E mesmo queda lugar para unha pequecha, modesta e independente tenda de moda, case porta con porta co todopoderoso Zara.

Pero non queda aí a pegada do tsar de Zara na cidade. Na rúa de Juan flórez está a ampla tenda que marcou estilo no modelo a implantar polo grupo en todo o mundo. E case á beira da camisería Gala onde o patrón de Inditex fóra fora recadeiro, unha tenda de Pull and Bear ocupa o lugar do emblemático e recentemente desaparecido cinema París.

Din que Amancio Ortega vai aos partidos do Dépor, que gusta de saír pola cidade e levar unha vida normal. Se cadra cruzáronse con el algunha vez por aí. A penas hai un par de fotos del, ningunha entrevista. Se cadra visten agora mesmo algunha prenda comprada nunha das súas tendas. Din que é o home máis rico do país.

Pret-a-triunfar
Cronoloxía: de 1975 a 2001
Todos os datos necesarios sobre Inditex
Zara e Galicia: esa relación non recoñecida por Manuel P. Rúa
Inditex e os seus traballadores. Falan os sindicatos
O segredo do éxito, polo profesor X. Henrique Vázquez Vicente
Ligazóns de interese
 


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: