Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Mellor director: Jorge Coira (e as orquestras)

O mellor director do 2000 subiu a coller o Agapi entre sorprendido e medoñento. Jorge Coira desculpouse por gañar ante a outra favorita, Beatriz del Monte, e adicoulle o premio á súa nai, "que está por aí arriba entre o público". Déronllo por 'Chunda Chunda' (tamén mellor documental), unha serie de documentais que nos fixo entrar na vida duns 'saltimbanquis' moi particulares: a xente das orquestras que percorre o país de verbena en verbena. Ao abeiro do escenario falou con Vieiros...

- 19:13 13/03/2001
Tags:

Aproveita a gravadora para desculparse: "Estaba moi nervioso, quería dedicarlle o premio, á parte de á miña nai, a todos os homes e mulleres das orquestras, por permitirme entrar nas súas vidas, e tamén a Luís Tosar e a moitos outros amigos cos que vivín tanto".

Non é moi coñecido entre o gran público, pero aos que están no allo do audiovisual non lles sorprendeu este galardón. Saben que antes disto houbo moitas curtas, que Coira ten moitas táboas detrás da cámara e que o "agapito" lle foi ben merecido.

- Digamos que isto te consolida como director, deixas xa de ser unha promesa. ¿E agora que?

- Agora sigo cos meus proxectos, que son moitos. Ando cunha serie producida polo Grupo Voz ambientada en Mondoñedo, que se titula "Terra de Miranda"; e tamén cunha docuserie, "092", que vai sobre a policía local de Ourense. Ambas as dúas se van emitir pola TVG.

- ¿E non che apetece meterte no cinema?

- Si, claro. Teño aí un proxecto para o 2002, unha longametraxe, pero da que non podo dicir moito aínda... Só que é unha comedia.

- Seica o audiovisual galego está a vivir unha idade de ouro... ¿ti que dis?

- Home, idade de ouro non sei, pero si é certo que agora se está a producir moito máis e con moita máis calidade. Agora hai moitas series de producción propia na TVG e iso é síntoma de algo. Por outra banda, había aí moita xente que estaba agardando unha oportunidade e está chegando agora. Por fin a TVG fixo o que debeu facer hai moito tempo: apoiar o producto de aquí.

- Deixámoste xa disfrutar do teu premio... pero dinos ¿cal é o teu favorito para mellor filme na versión 'iuesei' dos Agapi, tamén coñecidos como Oscar?

- Ehem... a verdade é que aínda non vin ningún... Pero aposto por 'Chocolat' porque me gusta moito o seu director, o sueco Lasse Hallström.

Jorge Coira vaise a atender ás palmadiñas no lombo, a dar as gracias polos parabéns, a picar o que poida no cóctel pos-gala... E nós quedamos. Só fica, aquí, no ciberespacio, algunha das súas obras. No Cinema Soportal de CulturaGalega.org podemos ver a curta dirixida por el "¿A ti como se che di adeus?", pero tamén podemos velo actuando en "Antonio, Jorge e Luís", xunto con Antonio Pereira e Luís Tosar.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: