A miúdo as sete cidades eclipsan a realidade de vilas de extraordinaria importancia no país. Ese é o caso de Carballo, un municipio de 30.000 habitantes que á súa vez é capital da bisbarra de Bergantiños. A campaña está a ser moi dura. O alcalde, o nacionalista Evencio Ferrero, loita por uns resultados que lle permitan desprenderse dun máis que incómodo socio de goberno: Manuel Andrade, líder do CDI e candidato agora por Terra Galega.
O rexedor tivo que armarse de paciencia nos últimos catro anos para manter o goberno. Nas eleccións de 2003, o PP logrou 9 concelleiros, o BNG 6, CDI 4 e PSdeG 2. O tripartito, logo de sucesivos gobernos de dereitas, levou un innegábel ar fresco ao consistorio mais a cohabitación foi difícil. O epicentro de todos o terremotos está localizado no tenente de alcalde, Manuel Andrade, un home de carácter moi forte. De ideas conservadoras optou por apoiar un goberno progresista debido ao seu enfrontamento persoal co anterior rexedor, Manuel Varela (PP). O clímax da discordia chegou en 2006, cando puxo en xaque ao goberno e planeou a sombra dunha moción de censura que non chegou a consumarse.
O voto vilego e o ruralAgora todos saben que reeditar o tripartito vai ser case imposíbel. Nacionalistas e socialistas esfórzanse para acadar os concelleiros suficientes que permitan unha coalición sen
Terra Galega. No
BNG están seguros de que a xestión no consistorio vai traducirse nunha suba de votos. A vitoria na vila semella garantida. Máis difícil é a conquista do sufraxio nas parroquias rurais, que aínda concentran a metade da poboación total. O PPdeG, que lidera Alberto Sueiro, e, en menor medida, Andrade teñen nos núcleos máis pequenos os seus bastións electorais. Pola súa parte, o PSdeG volve confiar en Xosé Antón Viña.
Mais no futuro de
Carballo comezan a visibilizarse moitas esperanzas. A pesar da crise agraria que boura a comarca dende hai dúas décadas, o municipio soubo rendibilizar novos proxectos empresariais e manter un forte sector comercial. Cun saldo demográfico positivo, a principal teima do goberno foi mellorar os servizos sociais e culturais, poñer orde nun urbanismo extraordinariamente caótico e apostar por políticas sustentábeis. Pola contra, a principal crítica do
PPdeG estes anos foi a inestabilidade política que deron en chamar “desgoberno”.
Unha comarca divididaNo resto da comarca as alcadías máis desputadas van ser
Malpica e
Laxe. Os dous municipios con rexedor socialista sofren nos últimos anos a grande presión urbanística que azouta a toda a Costa da Morte. A propia Consellería de Política Territorial amoestou ao consistorio malpicán pola concesión de licenzas en primeira liña de praia. Porén, Antón Carracedo (Laxe) e Xosé Ramón Varela (Malpica) parte como favoritos nas quinielas.
Os conservadores agardan manter as alcaldías da
Laracha,
Coristanco,
Ponteceso e
Cabana de Bergantiños, municipios que gobernan con maioría absoluta. Máis sorprendente foi a capacidade de Terra Galega para presentar listas en todos os concellos da bisbarra agás en Cabana. O influxo de Andrade conseguiu atraer para esta formación aos independentes, moitos deles cun historial “popular” ás costas.
A volta
A loita do BNG pasa en boa parte nestes comicios polas vilas. Carballo é un bo exemplo. O alcalde Evencio Ferrero logrou rachar a hexemonía da dereita no municipio. Logo de 24 anos na oposición, tivo que pilotar un tripartito que, cos seus problemas, inxectou novas dinámicas no municipio.
A volta
A comarca, cos seus 70.000 habitantes, ten un peso decisivo á hora de apuntalar o pacto que teñen os socialistas e os nacionalistas na Deputación. Pola súa parte, Terra Galega desprega na bisbarra toda a súa forza para conseguir un obxectivo moi difícil: lograr un representante no organismo provincial.
A volta
Bergantiños móvese. Ao igual que noutras bisbarras, demostra que, contra o que se di habitualmente, no país as vilas tamén teñen un peso específico. A comarca, encravada entre A Coruña e Compostela, pelexa por ofrecer alternativas propias, que eviten o fluir da mocidade cara as grandes urbes.<