O candidato á xunta do PSdeG fixo estas declaracións durante un acto en Vigo onde expuxo as súas propostas a prol da igualdade, alén de tratar outros temas de actualidade.
Emilio Pérez Touriño durante un momento do acto
Emilio Pérez Touriño mantivo este xoves un encontro con varios centos de mulleres, e aproveitou o ambiente favorable no que estaba para lembrar os logros do seu goberno a nivel de igualdade e criticar a "campaña sucia" do Partido Popular. Eloxiou medidas como o "salario da liberdade", destinado a mulleres maltratadas; ou a discriminación positiva exercida cara ás empresas que deseñan plans de igualdade. Touriño tamén criticou a campaña que está realizando o PP e dixo estar "tranquilo" ante os resultados do 1 de marzo, engadindo que "hai que poñer intranquilos aos do PP, que queren gañar coas furnas baleiras".
Durante o acto, o candidato do PSdeG anunciou que "todas as familias" terán unha praza nunha escola infantil, gracias á creación de 10.000 novas prazas; e anunciou tamén que aqueles que non podan valerse por si mesmos terán dereito a un coidador facilitado pola administración. Durante este encontro expresou a vontade de que as mulleres ocupen a metade dos postos de emprego e, dirixíndose a elas explicouno ao dicir que "sodes o 50%" do país.
Apoio dende Madrid
Emilio Pérez Touriño recibiu hoxe un novo apoio dos seus compañeiros de partido en Madrid e concretamente do vicesecretario de organización do PSOE, José Blanco, que demandou un novo mandato para o PSdeG. Blanco lembrou as accións máis loables do goberno de Touriño e usou como principal argumento para pedir o voto dos galegos o feito de que "o peor que lle podería pasar a Galicia sería ter un goberno que estea inmerso nunha batalla campal contra o Goberno de España".
Remata cunha ruta polas cidades
Touriño aproveitará ao máximo o último día de campaña, que adicará a unha xira por algunhas das cidades galegas. A viaxe estará composta de pequenos actos nas diferentes cidades e comeza na Coruña, ás 10.30 horas, para pasar despois por Lugo, Vigo e Compostela, onde celebrará o acto co que pecha a súa campaña electoral.
Os principais grupos políticos teñen a convicción da necesidade dunha nova lei de función pública, malia que difiren na concreción. No medio, o PP pretende suprimir para os funcionarios a obrigatoriedade de coñecer o galego.