XX aniversario de Andaina
Un cole diferente
Ao longo destas dúas décadas, o alumnado do centro educativo Andaina, na Zapateira (Culleredo, A Coruña) desenvolve a autonomía e a auto aprendizaxe grazas a métodos que teñen pouco que ver co mestre que bota un discurso e os pupilos que copian: non só aprenden contidos, senón tamén convivencia, traballo en equipo, independencia e capacidade de aprender por eles mesmos.
Lara Rozados - 12:40 04/04/2007
A Cooperativa Andaina naceu no 1987 da vontade dun grupo de persoas cunhas liñas educativas na cabeza. Non foi casual escoller a cooperativa como forma xurídica, xa que na súa filosofía metodolóxica primaban o traballo colectivo e colaborativo: un proxecto con implicación e responsabilidade social, postos de traballo dignos, e un modelo de xestión acorde cos principios educativos. En principio funcionou como unha Escola Infantil, até que a demanda das propias familias, moi identificadas con estes principios, pedía que se trasladase o proxecto educativo a outros tramos de idade, e non rematase para os seus rapaces cando estes tiñan cinco anos. Ao mesmo tempo, os docentes tiñan esa mesma inquedanza por ampliaren o proxecto educativo, coas súas características, até cubrir educación infantil e escolaridade obrigatoria.
Así foi como a cooperativa encarou un novo reto: a construción e posta en marcha dun centro educativo que acollía tamén primaria e secundaria. “Nos 80 houbo un boom de cooperativismo na escola: os profesores de centros privados creaban cooperativas de ensino ocupándose da xestión dos seus propios centros. No momento no que se abriu o colexio (no 2000) xa non se creaban centros educativos novos, non sendo algún exemplo recente en Lugo. En canto a referencias de proxectos semellantes ao noso, non hai moitas en Galiza, pero si noutras comunidades como Euskadi ou Valencia. Con cooperativas de ensino desta última estabelecemos colaboracións para traballarmos xuntos e compartir experiencias".
Participación e convivencia
O feito de que o centro nacese, en parte, da demanda dos propios pais e nais tampouco é casual, tendo en conta que a participación das familias (e tamén do propio alumnado) é un dos piares fundamentais no proxecto educativo de andaina: o seu é un modelo educativo de portas abertas, nas que as achegas dos pais e nais (un taller, unha actividade) teñen moita importancia nos proxectos de investigación dos rapaces. “Hai varios niveis de participación: na propia aula, a nivel informativo, no propio Consello Escolar, participando directamente na xestión do centro; ou dende a ANPA, que traballa man a man coa propia dirección”. No centro todos se implican do mesmo xeito, e aproveitan as festas como as do Nadal, o Entroido ou a Semana das Letras para faceren actividades en conxunto, nun tempo de convivencia entre familias, profesorado, nenos e nenas.
Outro piar é a implicación dos rapaces: “a medida que medran, ábrense canles de participación: aínda temos que crear aulas de secundaria, e xestionar o modelo que se levará adiante nestes cursos superiores, pero o propio alumnado vai escoller os seus representantes. Van dando pasiños: agora estamos modificando o regulamento de réxime interno, e foron os propios rapaces os que presentaron a súa proposta de utilización de aparellos tecnolóxicos (como regular o uso de móbiles, cámaras, aparellos de rexistro, etc., nas aulas e no centro). Loxicamente, cuestións relacionadas coa xestión do centro a nivel burocrático levámolas adiante nós, pero o que é a definición do proxecto educativo está aberta”.
"O interesante é que así non só ensinas contidos, senón tamén estratexias de aprendizaxe e estudo: como obter a información con criterio, como subliñar, sintetizar, traballar cun índice... E isto facilita a aprendizaxe grazas a un proceso de comprensión, na vez de simple memorización"
Aprender a aprender, a ser e a convivir
Andaina ten unha serie de principios que o diferencian da educación tradicional, ben máis unidireccional e con pouca marxe de capacidade de decisión para o alumnado: “a nivel metodolóxico, traballamos por medio de proxectos de investigación, planificados segundo os contidos e temas do currículo. Elabórase un mapa conceptual a principio de cada unidade para decidir que queremos aprender. A persoa que ensina xa sabe previamente cales son os obxectivos, pero este sistema está aberto aos intereses do alumnado, aś súas propostas e achegas. Acoden a fontes diversas: libros de texto, toda a información que poden obter a través de internet, outra bibliografía, prensa, películas... Son eles mesmos quen desenvolve o contido e o tratamento da información. O interesante é que así non só ensinas contidos, senón tamén estratexias de aprendizaxe e estudo: como obter a información con criterio, como subliñar, sintetizar, traballar cun índice... E isto facilita a aprendizaxe grazas a un proceso de comprensión, na vez de simple memorización".
Ademais, traballan con especial intensidade en que esa aprendizaxe tamén sexa cooperativa: ademais do traballo individual, créanse grupos na aula. “Segundo os intereses educativos, poden ser grupos homoxéneos ou heteroxéneos, nos que interesa que non todos vaian ao mesmo ritmo para saberen complementar as súas capacidades e cooperar. Estabelécense dinámicas de grupos e repártense roles, como o encargado do material, alguén que asuma as funcións de secretariado, unha figura coordinadora... E ademais dos contidos, aprenden a traballar en equipo".
Outra liña básica de acción é “aprender a ser, aprender a convivir”: trátase de que a educación en valores sexa algo transversal, básico no sistema de traballo e presente na metodoloxía. “Eles mesmos fan asembleas para decidiren sobre as actividades. Nelas teñen que aprender a xestionar as quendas de palabra, a defender ideas con argumentos, a escoitar o que os demais teñen que dicir malia non estarmos de acordo... Do mesmo xeito, as normas de convivencia na aula decídense por consenso”.
Inmersión nas linguas
O ámbito lingüístico e outra das principais áreas de actuación: como toda a súa pedagoxía se basea en que os contidos non sexan un grupo de coñecementos estancados nunha aula, e aprendidos de xeito unidireccional, coas linguas acontece o mesmo, tanto no caso da inmersión lingüística como na aprendizaxe de linguas estranxeiras. “Levamos adiante un proxecto plurilingüe, no que as linguas son ferramentas de comunicación, non quedan dentro das portas da aula. Logo dun estudo sociolingüístico do noso contexto, atopamos que as maioría das familias son castelán falantes. Nas primeiras idades, que é cando os nenos e nenas teñen maior flexibilidade para a aprendizaxe das linguas, aprenderen castelán está garantido, polo seu contexto familiar e social. O galego non. e a lei estabelece que, con dezaseis anos, un rapaz ou rapaza ten que ter a mesma competencia nas dúas linguas. Para que isto sexa así, cómpre compensar a carencia do galego”.
Xa na secundaria, a idade dos nenos e o grao de desenvolvemento lingüístico permite iniciar intercambios reais con contextos de fala das linguas estranxeiras. “Iniciamos unha serie de envíos de correo electrónico, e agora xa nos contestaron. Estamos pensando noutras opcións de comunicación máis directa, como a videoconferencia”.
Na educación infantil, o modelo é o de inmersión lingüística en galego. Na educación primaria, a lingua xa é máis ca unha ferramenta comunicativa nas aulas: comeza a aprendizaxe formal de sintaxe, ortografía, morfoloxía... Entón ensínanse as dúas linguas, malia seguir sendo vehicular o galego. En canto ás linguas estranxeiras, o inglés apréndese xa dende os tres anos, e na secundaria comeza tamén o francés, dende o modelo comunicativo e oral: a lingua vehicular destas clases é a propia lingua estranxeira, que se adquire ao longo dun proceso de varios anos, comezando polo nivel máis básico: na comunicación oral, na linguaxe visual e corporal. “Non interesa que nos primeiros niveis do ensino os nenos xa saiban escribir correctamente, senón que saiban asociar xestos, imaxes e fonemas a palabras”. Xa na secundaria, a idade dos nenos e o grao de desenvolvemento lingüístico permite iniciar intercambios reais con contextos de fala das linguas estranxeiras. “Iniciamos unha serie de envíos de correo electrónico, e agora xa nos contestaron. Estamos pensando noutras opcións de comunicación máis directa, como a videoconferencia”.
Falando de medios audiovisuais, outro dos seus plans é preparar unha serie de vídeos, os de primeiro de ESO sobre o colexio e os de segundo de ESO sobre a cidade. “Aí entran tamén aspectos transversais relacionados, por exemplo, con ciencias sociais, como que aborden a pegada inglesa na cidade da Coruña. E no segundo ciclo de secundaria xa se tentan estabelecer intercambios, que poidan viaxar ao estranxeiro e ter que empregar a lingua como un instrumento de comunicación”. Tamén desenvolven unha serie de actividades extraescolares encamiñadas á aprendizaxe da lingua: para infantil, unha ludoteca anglófona, para primaria, un grupo de teatro, e para secundaria queren poñer en marcha un 'club dos poetas mortos', “Unha 'Dead Poets Society' na que puidesen facer actividades relacionadas coa expresión dramática, literatura... En inglés”.
As novas tecnoloxías, outra ferramenta educativa
A implantación das novas tecnoloxías é básica: non se dan clases de informática, senón que se parte dun modelo de integración. Ensínase como unha ferramenta para obter información a producir contidos relacionados con todas as materias: “como facer unha gráfica ou unha folla de cálculo en matemáticas, como editar gráficos ou textos...” Por exemplo, o alumnado da ESO leva adiante un blog, “O que somos”, formulado como unha actividade transversal: “á hora de redactar os contidos correctamente empregan coñecementos de lingua, ou para contabilizar unhas votacións e facer porcentaxes, de matemáticas. Empregan horas das diferentes materias, de xeito que están aprendendo de xeito práctico (teñen o interese estratéxico do blog) e ao mesmo tempo teñen un papel importante na dinámica do centro, como comunicadores". Contan coa figura dunha orientadora tecnolóxica como asesora dos docentes en todas estas dinámicas, garantindo un proceso coherente de integración das TIC, dende a infantil até a secundaria.
No futuro, os retos aos que se enfronta Andaina teñen que ver coa elaboración dun plan estratéxico, que manteña as liñas identitarias do proxecto con coherencia, e permita a súa continuidade e coherencia nos cursos que faltan de secundaria.
Novas relacionadas
O presidente do PPdeG, Alberte Núñez Feijoo, afirmou que "o PPdeG apoia o equilibrio entre galego e castelán, así como o dereito das familias a...
As negociacións para o novo decreto de galeguización do ensino non universitario non atravesan os seus mellores momentos. A Consellería de Educación...
Os departamentos de Educación, Política Lingüística e Igualdade colaboran na posta en marcha da campaña Eu son, coa que se pretende fomentar as...
A volta
Xa o Decreto 247/1995, relacionado coa aplicación da Lei 3/1983 de normalización lingüística no ensino, recoñece que o alumnado só poderá adquirir competencia comunicativa en galego se esta lingua é vehicular nunha parte significativa do currículo. Para chegar á igualdade, e a unha competencia equitativa en ambas as dúas linguas (galego e castelán), é necesario desenvolver as destrezas comunicativas (orais e escritas, pasivas e activas) nas dúas linguas, dende os primeiros anos da aprendizaxe.
A volta
O artigo 6 do novo decreto consensuado pola Consellería de Educación e os grupos parlamentares propón que na etapa de educación infantil, o profesorado usará na clase a lingua materna predominante entre o alumnado, e terá en conta a lingua do contorno. No caso de contornos castelanfalantes, a utilización do galego como lingua de comunicación será como mínimo igual á do castelán e fomentarase a adqusición progresiva da lectura e da escritura en galego. O novo decreto garante, ademais, un mínimo do 50% das materias en galego.
A volta
O decreto anterior, do 95, propoñía un 33 % das materias en galego. En canto á lingua vehicular, o criterio baseábase tamén na lingua materna predominante. Mais a inspección detectou o incumprimento en 120 centros públicos. A escola segue a ser un factor de castelanización máis no entorno da infancia e mocidade, polo cal a tan cacarexada competencia equitativa nas dúas linguas ao chegar aos 16 anos aínda non é unha realidade no alumnado. O modelo que propón Andaina contibúe a unha mellor aprendizaxe das linguas, tanto galego e castelán coma doutras.