Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Un 13% do censo electoral está na Galiza exterior

Os partidos aceleran a caza dos 316 mil electores da emigración

Os tres partidos coinciden na necesidade de poñer en marcha mecanismos de transparencia do voto emigrante e reclaman a reforma do CERA. Con todo, ás portas das eleccións municipais, as iniciativas concretas para o control da situación escasean, e os grupos políticos esfórzanse en buscar o apoio da ampla saca de votantes do exterior ao tempo que se cruzan acusacións por presuntas irregularidades.

Redacción/Europa Press - 09:00 19/03/2007
Arxentina, Venezuela, Brasil, México, Uruguai, Suíza, Francia e Reino Unido... son algúns dos países nos que se concentra o maior número de emigrantes galegos en Iberoamérica e Europa, e cara a onde dirixen as súas estratexias os grupos políticos a través das delegacións enviadas nos últimos meses e as que teñen previsto enviar nos próximos. Nese traballo, destácanse especialmente PPdeG e PsdeG, aínda que tamén o BNG organiza viaxe de rexedores a diversas localizacións.

O "peso" do voto exterior
Os tres grupos coinciden en que o voto do emigrante terá un "peso fundamental" nas eleccións municipais nalgúns concellos do interior da comunidade. Así, a provincia de Pontevedra é a que viu medrar máis o censo de emigrantes no exterior. Durante o pasado ano acumulou 2.322 novos inscritos. Por exemplo, Cerdedo ten o 33,4% dos seus potenciais electores noutro país. Porcentaxe s similares atopamos en Rodeiro, 31,5%; Silleda e Forcarei, co 31% cada un e Dozón, cun 28,4%.

Tamén o CERA do resto das provincias experimentou un crecemento. Na Coruña, rexistráronse 1.996 altas, e no de Lugo 1.517. No caso ourensán, durante o último ano anotáronse 2.268 persoas. En concellos como, Avión, Gomesende, Cartelle, Bande e Celanova, os emigrantes xa representan do 30 ao 40% do número total de inscritos no censo electoral.
 
Socialistas, nacionalistas e populares crúzanse reproches
A utilización "partidista" das viaxes institucionais a países con forte emigración galega, enfrontou nos últimos días socialistas e nacionalistas co PPdeG. Os primeiros acusan os populares de "enganar" os emigrantes convidándoos a comidas e pedíndolles copia do pasaporte, e estes denuncian que os primeiros utilizan a Xunta para facer "electoralismo".

A visita do presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, a pasada fin de semana a Montevideo, orixinou as críticas de PsdeG e BNG, que acusaron a Louzán de prácticas mafiosas. Mentres, os populares teiman en acusar aos socialistas de prepararen "unha grande fraude electoral" en Arxentina a través de Miguel Cortizo, embaixador en Misión Especial para a Coordinación das Relacións coas Comunidades Españolas en Iberoamérica.

"Non hai nin trampa nin cartón. Outros son os que enganan e parece que lles amola que obteñamos mellores resultados na emigración ca eles", defendeuse a voceira de Emigración do PSdeG, Marisol Soneira, en declaracións a Europa Press. Soneira subliñou que o seu partido "nunca utilizará" a tácticas do PPdeG e acusou o acontecido na visita de Louzán de "escandaloso". Tamén a responsábel da Comisión de Migración do BNG, Ana Miranda, afirmou que o PPdeG favorece, na emigración, unha relación baseada nos "favores" e non na "coparticipación". "Hai que cooperar coa diáspora, non ter unha relación de xerarquía, como fan os populares", propón Miranda.

No outro lado, o voceiro de Emigración do PPdeG, Xosé Manuel Castelao Bragaña, asegura que "non é un delito" acudir a unha comida ou a unha cea e acusa de "ignorantes" aos socialistas e nacionalistas por "pensar que cunha comida se compra aos emigrantes" porque despois, "votan a quen queiran". Ao fío recordou que o propio delegado da Xunta en Arxentina e secretario de Organización do PSOE neste país, Evaristo Marcote, acudiu a unha cea organizada pola candidata do PPdeG en Vimianzo, Carmen Borbujo.

Novas relacionadas

O PP ofrécese en Montevideo para "tramitar" o voto

Socialistas e nacionalistas acusan os populares de tratar de captar o voto da emigración "mediante enganos".

Os socialistas van denunciar as prácticas electorais “mafiosas” de Louzán en Uruguai

A deputada Marisol Soneira acusa ao PP de enganar os emigrantes pedíndolles fotocopia do pasaporte e a sinatura dun impreso en branco.

Os centros galegos no exterior albergarán mesas electorais

A Xunta vaille propor ao Estado que os cidadáns residentes no exterior poidan votar nos seus respectivos centros galegos. O secretario xeral de...

A volta

Desde o PPdeG, Castelao Bragaña reclama un proceso electoral "transparente e regulado", a través do voto en urna e unha "profunda revisión" do Censo Estatal de Residentes Ausentes, CERA.

A volta

Polo PSdeG, Marisol Soneira subliña a necesidade de "maior transparencia" no voto. Para isto, opina que a Xunta xa fixo o que lle tocaba e reclama que o goberno español destine "fondos extraordinarios" para depurar o CERA.

A volta

No BNG, Ana Miranda salienta que os emigrantes deben votar en urnas instaladas en consulados e embaixadas, pide envío de papeletas electorais de todos os grupos en "condicións de igualdade" e defende a "depuración" do CERA.

4,5/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: